Programa de goberno do PSdeG-PSOE no Carballiño: O Museo do Papel, un atractivo turístico máis

Os atractivos turísticos do Carballiño veranse incrementados significativamente estes próximos días coa apertura do novo Museo da Fábrica do Papel que, conxuntamente co Muíño do Anxo, conformará un dos parques etnográficos máis salientables de Galicia. Elo supón a recuperación dunha parte notable do patrimonio cultural e histórico da vila nun enclave único como é o magnífico espazo natural que conforma co Parque Municipal, a Piscifactoría, a Pena dos Namorados, o Cámping e o Sendeiro do Arenteiro.

O Museo da Fábrica do Papel permitirá visualizar o proceso de fabricación do papel a finais do século XIX e contará co sistema expositivo máis moderno para converterse nun referente das antigas industrias creadas á beira dos ríos para poder funcionar mediante a enerxía hidráulica.

AVANTAR ACTIVIDADES

O proxecto finánciase cunha importante aportación da Xunta de Galicia e con fondos propios do Concello, e completarase nunha segunda fase coa reproducción do sistema exterior de norias, mazos, cuncas e pudrideiro dos trapos para a fabricación da pasta do papel, que será moi espectacular, así como a adecuación do amplo espazo natural do arredor.