O Auditorio Manuel María do Carballiño acollerá mañá venres, día 22, unha nova sesión do Cine Club Carballiño correspondente á programación do presente mes de novembro. Trátase dunha das gratas sorpresas cinematográficas desta tempada, a película sueca “Paradise is burning”, dirixida por Mika Gustafson. Conta a historia de tres irmás de entre 7 e 15 anos que viven solas despois de que a súa nai desaparecese. Cando os servizos sociais esixen unha reunión familiar, a irmá maior, Laura, planea atopar un substituto para a súa nai. A partir desta situación a directora constrúe un film cheo de enerxía e vitalidade, unha loubanza do espíritu fraternal e de supervivencia co que as tres irmás se enfrontan á súa condición de abandono.
Destaca a interpretación e espontaneidade das tres xoves protagonistas, sobre todo de Bianca Delbravo, que fai unha actuación memorable. O filme acadou o Premio á mellor dirección no Festival de Venecia e o Premio á mellor ópera prima no Festival de Londres. Os pases no Auditorio serán coma sempre ás 20,00 horas para a versión dobrada ao castelán e ás 22,30 horas en versión orixinal subtitulada.