Unións Agrarias reclama apoio para os viticultores do Ribeiro afectados polo pedrazo

Unións Agrarias insta á Xunta a involucrarse na cuantificación dos danos nas vides producidos pola tormenta rexistrada onte no Ribeiro e a actuar coa máxima dilixencia para axudar aos viticultores a afrontar con rapidez as posibles consecuencias. Á espera de concluír a revisión da totalidade das parcelas afectadas, espalladas entre os municipios de Beade, Ribadavia, Castrelo de Miño e Cenlle, xa se teñen detectado destrozos nos acios que poderían comprometer cando menos un 30% da colleita. Unha afectación susceptible de aumentar se non se aplican con celeridade tratamentos preventivos contra o mildiu.

A tormenta que este xoves se cinguiu sobre O Ribeiro chega nun momento especialmente sensible para os viticultores da zona, cos acios en pleno proceso de formación. Se ben neste momento aínda non é posible cifrar con exactitude o alcance dos destrozos producidos polo pedrazo, nas primeiras inspeccións que están a realizarse nas parcelas da área afectada xa se teñen detectado danos que poderían comprometer arredor dun 30% da produción desta campaña.

AVANTAR ACTIVIDADES

Unións Agrarias lembra o carácter estratéxico, tanto dende o punto de vista socioeconómico como cultural e demográfico, que desempeña a viticultura no Ribeiro. Unha zona caracterizada polas pequenas explotacións, que en moitos casos non contan coa cobertura dun seguro que os cubra ante episodios deste tipo.

A organización lembra o papel fundamental que a viticultura social desempeña á hora de fixar poboación na zona. Unha actividade que representa o único activo económico existente en moitas áreas do rural ourensán. Nese senso, a organización fai un chamamento á responsabilidade e insta á Xunta de Galicia a non deixar a estes pequenos produtores na estacada e a prestarlles a axuda precisa para afrontar o custo económico desta treboada.