O Psdeg-Psoe advirte que a gratuidade dos trens avant e media distancia que convertiron a Ourense nunha excepción pode chegar ao seu fin se goberna Feijóo

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Villarino interpelou hoxe a Feijóo para que explique unha posible axenda oculta do PP coa que os conservadores poderían deixarnos sen os abonos que tanto ben están a facer aos nosos veciños e veciñas

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O delegado do Goberno recordou que os abonos para Avant permiten aforrar 324 mensuais entre Ourense e Santiago e 468 entre Ourense e A Coruña e tamén destacou a próxima posta en servizo dos AVLO

Ourense, 19 de xullo de 2023. O PSdeG-PSOE advertiu hoxe que a gratuidade dos trens que convertiu a Ourense nunha excepción, ao aplicar a bonificación total aos servizos Avant que, no resto de España, só é unha rebaixa do 50 %, pode chegar ao seu fin se Alberto Núñez Feijóo goberna. Durante un acto na estación da terceira cidade de Galicia no que tamén participou o delegado do Goberno e os candidatos e candidatas ás Cortes Xerais, advertiron das “intencións” do PP coa nosa provincia que, unha vez máis e como xa anunciaron eles mesmos, son “recortar e marxinar”, o podería deixar a “milleiros de veciños e veciñas sen esta histórica medida”.

O secretario provincial e cabeza de lista ao Senado, Rafa Villarino, resaltou hoxe a posible axenda oculta coa que os conservadores poderían “deixarnos sen os abonos de tren que tanto ben están a facer aos nosos veciños e veciñas, estudantes, traballadores e traballadoras desde hai un ano” que “viron moi mellorada a súa calidade de vida grazas a esta decisión histórica do PSOE”. “Todo o mundo ten que ter claro que os trens de media distancia son gratis grazas a Pedro Sánchez e non grazas a Feijóo”, aseverou tras recordar que “o Partido Popular votou no Congreso en contra do financiamento destes abonos, ao igual que o BNG”.

“Os abonos son unha medida garantida se Pedro Sánchez repite como presidente a partir do 23 de xullo”, manifestou antes de interpelar ao PP e a Núñez Feijóo para que “expliquen” canto antes se teñen pesado aprobar un decretazo para suprimir esta medida que “permite un aforro de entre 300 e 500 euros ao mes por persoa, grazas ao acordo do PSOE”. “O único xeito de parar novos recortes e afrontas contra Ourense é votar a PSOE, porque estamos a menos de 2.000 votos de sacarlle un deputado na nosa provincia”, insistiu.

Pola súa banda, o delegado do Goberno, Pedro Blanco, manifestou que estes abonos nos servizos Avant “permiten aforrar 324 mensuais no traxecto Ourense<>Santiago e 468 na conxexión Ourense<>A Coruña”. “Abonos que permiten a gratuidade total das viaxes de tren de media distancia desde Ourense a case todos os destinos de Galicia, como Santiago, A Coruña, Vigo, Pontevedra, O Barco ou Monforte de Lemos”, salientou Blanco antes de afirmar que “no caso concreto de Ourense é unha decisión histórica do Goberno central, xa que é unha medida inédita que permite a gratuidade dos traxectos de Avant na provincia”.

Para Blanco, esta histórica medida é “un avance máis no compromiso do Goberno de Pedro Sánchez coa provincia de Ourense e a súa mellora ferroviaria”, que se suma á chegada a Galicia do servizo AVE ou a inminente adxudicación das obras da nova estación ferroviaria da capital ourensá, unha “intermodal acorde ao século XXI para recoller aos 2.000.000 usuarios e usuarias” que acumula na actualidade.

AVLO a partir de 2024

O delegado do Goberno concluíu afirmando que “estes compromisos non soamente quedan aquí se non que seguen avanzando tal e como vemos este días” antes de sinalar que “dende esta mesma semana os trens Avlo de Renfe chegaron en probas a Galicia, concretamente a Ourense, para poder poñer en marcha os servizos de alta velocidade a baixo custe co resto do país e seguir mellorando unhas conexións igualitarias e sociais”.