Carta aberta ao Sr. Alcalde de Ourense

Desde que o Sr. Jácome é alcalde, a Asociación Veciñal de Seixalbo presentou máis de 250 escritos nas distintas institucións (a maioría, no concello), organizou actividades de Entroido, Letras Galegas, Noites de San Xoán, Samaín, Magostos e Nadal, e colaboramos na organización de cursos de Pilates, Ioga, Flexibilidade, Memoria, Percusión, Danza, etc., algún con apoio municipal e a maioría sufragado integramente polo alumnado.

Desde que o Sr. Jácome é alcalde organizamos cinco Meses Culturais con máis de 150 actividades (exposicións, concertos, conferencias, obradoiros, festas infantís, xornadas de convivencia intercultural con máis de catrocentos participantes de distintos países, xornadas de convivencia veciñal e interxeracional, danza, cine ao aire libre, maxia, foliadas, andainas solidarias,  teatro con grupos convidados e grandes obras de teatro de elaboración propia, con mais de un centenar de persoas colaboradoras e un auditorio que se queda pequeno en cada representación coas trescentas cincuenta prazas de aforo).

AVANTAR ACTIVIDADES

Tamén colaboramos en campañas de apoio con alimentos a Amencer, campañas de apoio ao Banco de Alimentos con máis de tres toneladas de leite entregadas e cinco furgonetas cargadas de xoguetes para as familias menos favorecidas de Ourense.

Desde que o Sr. Jácome é alcalde solicitamos que os Centros Cívicos manteñan a súa actividade e faciliten a convivencia familiar, que se manteñan os programas sociais, axuda a domicilio, comedor sobre rodas, ou os cursos que fomentan o asociacionismo e a participación cidadá.

Reivindicamos ano tras ano a limpeza e desbroce de camiños, de parques, o mantemento do Parque Infantil, o arranxo de bancos é a reparación de luminarias do alumeado público, a reparación dos contedores de lixo, a poda das árbores,  protestamos pola rotura periódica da traída de augas entre Riazón e a Igrexa, e solicitamos o reiteradamente o arranxo dos camiños (o de Penouzos, solicitado por primeira vez en 2016, acabarse convertendo no símbolo da desidia municipal), e pelexamos por ter fibra óptica cando se nos negou reiteradamente, e reivindicamos manter un transporte público eficaz.

Desde que o Sr. Jácome é alcalde sufrimos unha agresión sen precedentes na democracia co secuestro dunha pancarta co lema «NIN UN PASO ATRÁS» colocada na vía pública que provocou a reacción popular con 37 pancartas colocadas nas fachadas particulares e 400 carteis nas portas de domicilios e negocios.

Estamos facendo un seguimento das obras do AVE para que o destrozo sexa o menor posible, pelexamos por conseguir o arranxo da OU-105 e a restitución da parada de bus xunto o centro comercial, pedimos o arranxo e puntos de luz do “camiño dos peregrinos” que baixa desde o Cumial, tamén do que une a parada do bus coa praza dos Barreiros e un longo etcétera.

En fin. Esta directiva «no quiere meter a sus familiares en el ayuntamiento». Con escasos medios, moito esforzo e coa forza moral que nos imprimen os case 500 socios e socias dunha vila de 1.000 almas, a Asociación Veciñal San Breixo de Seixalbo  leva 45 anos facendo o seu traballo, e iso é o que quere seguir facendo.

E tamén quere que o señor alcalde faga o seu. Mellor nos iría a toda a cidadanía.