O Psdeg esixe á Xunta que abra unha “investigación inmediata” sobre as supostas filtracións de política social aos centros de maiores das datas das inspeccións

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Marga Martín reclama que se chegue ata o final e se aclare o ocorrido, para o que o grupo socialista rexistrou unha batería de iniciativas no Parlamento

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Santiago de Compostela, 12 de agosto de 2023. A secretaria de Políticas Sociais da Comisión Executiva Nacional Galega do PSdeG, Marga Martín, esixiu este sábado á Xunta de Galicia que abra unha “investigación inmediata” sobre as supostas filtracións das datas nas que se realizarían inspeccións, realizadas dende a Consellería de Política Social ás empresas que xestionan centros de maiores.

Os socialistas reaccionan así ao comunicado que denunciaba os feitos realizado por AGISS (Asociación Galega de Inspectores e Inspectoras de Servizos Sociais) e que se publicou esta mesma semana.

A tamén deputada electa no Congreso dos Deputados pola provincia de Ourense advirte de que de confirmarse o obxecto da denuncia sería “un feito gravísimo”, polo cal demanda que se poñan todos os medios necesarios para que “se chegue ata o final e se aclare radicalmente o que está a pasar”, alegou.

A gravidade do sucedido para Martín, radica en que “é o goberno galego o que ten a responsabilidade de velar pola seguridade, a saúde e o benestar dos nosos maiores, especialmente dos máis vulnerables, é o que debe garantir o bo funcionamento destes centros residenciais”, apuntou a responsable socialista.

Advertiu tamén de que “xa non é a primeira vez que se denuncian feitos parecidos” e recordou que “cando se produciron as investigacións pertinentes sobre o funcionamento das residencias durante a pandemia do Covid, a Xunta de Galicia se puxo do lado das empresas e non dos residentes e as súas familias”.

Así mesmo, queren aproveitar para denunciar a fotografía da situación da dependencia en Galicia, en especial destes centros de maiores. Marga Martín destacou que segundo un informe da Asociación de Directoras e xerentes de Xeriátricos de 2021 que analiza datos do IMSERSO, a comunidade autónoma galega ten a peor porcentaxe en canto a prazas públicas, o 41% respecto do 62% do conxunto do Estado.

Ademais, a deputada electa advirte de que unha gran parte das consideradas como prazas públicas están xestionadas por empresas privadas mediante diversos mecanismos de privatización.

O PSdeG ven de rexistrar as iniciativas parlamentarias pertinentes no Parlamento de Galicia, da man da deputada responsable da área, Marina Ortega. Para buscar, segundo asegurou Marga Martín, “aclarar os feitos” e esixir a asunción das “correspondentes responsabilidades”, sen descartar “que non se poidan abordar outras vías de actuación máis alá das meramente institucionais” de confirmarse os feitos denunciados.