Os e as socialistas aféanlle aos populares que “incumpran o prometido hai uns meses”, cando Alfonso Rueda anunciou que “non formaría parte do goberno” e esíxenlles que “rectifiquen e sexan consecuentes co que prometeron no seu momento e aparten a esta persoa”
A voceira do PSdeG nos Blancos, Emilia López, pídelle a Rueda que “actúe de forma inmediata e dea as instrucións pertinentes para que o alcalde aparte a José Manuel Barreiro Jardón do consello escolar e da comisión de contas e rematen así con esta situación inadmisible”
Os Blancos, 25 de agosto de 2023. O PSdeG-PSOE dos Blancos denuncia que o alcalde do Partido Popular, José Manuel Castro Blanco, fixo “oídos xordos” ante as numerosas voces que pedían que non incluíse a José Manuel Barreiro Jardón, número 3 das listas populares nos comicios electorais do pasado mes de maio, nos órganos de goberno municipais, por estar condenado por maltrato no ámbito doméstico. Os e as socialistas explican que esta persoa, a pesar de formar parte do grupo de non adscritos, ocupará finalmente un posto na comisión de contas e será o responsable municipal no consello escolar.
Dende o grupo municipal socialista dos Blancos explican que a pesar do compromiso adquirido tanto polo alcalde, como polo presidente do Partido Popular de Galicia e da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda, de non incluír a esta persoa nos órganos de goberno, “vimos de comprobar que finalmente si formará parte do consello escolar e da comisión de contas”. Unha situación que os e as socialistas consideran “inadmisible”, motivo polo que lle esixen aos responsables do PP que “tomen cartas no asunto e aparten definitivamente a Barreiro Jardón dos órganos de goberno, sendo consecuentes co que anunciaron no seu momento”.
A voceira do PSdeG-PSOE nos Blancos, Emilia López Blanco, lembra que en maio deste ano, e unha vez foi destapado polos socialistas que esta persoa acusada e condenada por agredir ao seu pai iría nas listas, o líder do PP galego, Alfonso Rueda, comprometeuse a que “non formaría parte do goberno municipal”. Tal e como apunta a edil socialista “nada do prometido se cumpriu e atopámonos con que finalmente esta persoa si está presente en dous órganos de goberno, algo que nos parece inadmisible”.
López Blanco subliña que o PP “só tentou escorrer o bulto naquel momento para saír do paso de que levaban a un condenado por agresión nas listas con promesas que non cumpriron”. Neste senso, tamén apunta que tralo pleno de organización “comprobamos que seguen na mesma liña, enganando ao electorado a base de mentiras e con escusas de mal pagador”. A voceira socialista pídelle a Alfonso Rueda que “actúe de forma inmediata e dea as instrucións pertinentes para que o alcalde aparte a José Manuel Barreiro Jardón do consello escolar e da comisión de contas”.
O PSdeG-PSOE dos Blancos afirma que durante o último pleno e tras afearlle os e as socialistas ao alcalde a presencia deste condenado por maltrato doméstico nestes dous órganos, “o rexedor respondeu que se pasaba polo forro o que dixera a xunta electoral, o presidente do seu partido e o presidente da Xunta”. Unha situación que segundo afirman “demostra que en ningún momento tiveron intención de apartar a esta persoa e que só saíron durante a campaña electoral a vender fume para tratar de tapar as súas vergoñas”.
Un concello dos máis endebedados de Galicia
Dende o PSdeG-PSOE dos Blancos tamén poñen o foco na situación económica que vive o concello “endebedado ata as trancas” e que segundo afirman os e as socialistas “presenta das peores cifras de todo o panorama galego”. Neste senso apuntan que o informe do Consello de Contas de Galicia que analiza as contas das entidades locais relativas ao exercicio de 2021 “reflexa que o noso municipio presenta unha situación financeira comprometida”.
Unha das causas, segundo se desprende do informe de Contas, “é que presentan cifras negativas tanto do remanente de tesourería como do aforro neto do exercicio, o que pode afectar á sostibilidade dos seus gastos correntes”. Para os e as socialistas dos Blancos a situación “vén de atrás e empeora cada lexislatura dende que chegou este alcalde, xa que a débeda ascende a 4.000.000 millóns de euros, manténdose Os Blancos como o concello máis endebedado de Galicia con 5.412€ por habitante”. Pese a estar intervido pola Deputación, “non hai investimentos, xa que os que hai son asumidos pola Deputación e pola Xunta, o que supón unha situación escandalosa e sen parangón”.