As e os socialistas de Ourense denuncian que Jácome “fulminou” as concentracións contra a violencia machista que tiñan lugar o primeiro luns de cada mes

“O PP colocou nas institucións a Jácome e a Vox para borrar ás mulleres da axenda e das políticas municipais, autonómicas e estatais”, afirmou a portavoz do grupo municipal socialista, Natalia González

Reclaman tamén que se constitúa e convoque o Consello Municipal de Igualdade e que se comece a traballar na programación que a administración local debe organizar de cara á conmemoración do 25N

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 4 de setembro de 2023. O grupo municipal socialista de Ourense esixe a urxente recuperación das concentracións que se viñan realizando, os primeiros luns de cada mes, en repulsa á violencia de xénero. Logo de non convocarse o minuto de silencio en agosto, malia ser este un verán negro polo elevado número de vítimas rexistradas, o Goberno de Jácome semella non entender como prioritario posicionarse institucionalmente ao respecto.

“Isto vén a confirmar o que xa sabiamos: a igualdade e a loita contra o machismo están fóra da axenda deste executivo. Do mesmo xeito que acontece a nivel nacional con Vox”, sinalou a voceira do PSdeG-PSOE no Concello, Natalia González, sobre unha problemática ante a que os partidos de dereitas se están a poñer de perfil.

“O PP colocou nas institucións a Jácome e a Vox para borrar ás mulleres da axenda e das políticas municipais, autonómicas e estatais. E dende o grupo municipal socialista non estamos dispostos a que isto continúe sendo así. Máis, se cabe, despois dun verán terrible no que se produciu un repunte esaxerado de vítimas. Non imos tolerar nin un paso atrás na loita contra a violencia de xénero”, engadiu a tamén secretaria xeral do partido na cidade.

Reclaman tamén as e os socialistas que se constitúa e convoque, por parte do Concello, do Consello Municipal de Igualdade e que se comece a traballar na programación que a administración local debe organizar de cara á conmemoración do 25N –Día Internacional para la Eliminación de la Violencia contra la Mujer–.