Onte reuníuse no Pazo dos Ulloa de Esposende (Ribadavia) o xurado para conceder os Premios Bacelos de Prata de 2023. Esta é a acta do xurado:
“ACTA PREMIOS BACELOS DE PRATA 2023:
Sendo as 19.30 horas do día 8 de setembro de 2023, reúnense no Pazo dos Ulloa, en Esposende-Ribadavia, D. Avelino Muleiro García, presidente da asociación Álvaro das Casas; D. Xosé González Martínez, presidente do Foro Enrique Peinador; D. Clodio González Pérez; etnógrafo; D. Xosé Carballiño Presas, enxeñeiro técnico da Consellería de Medio Rural da Xunta de Galicia e coordinador da IRGADE (Irmandadd Galega de Agroalimentarios e Adegueiros; D. Cándido Vázquez Mosquera, propietario da Casa dos Ulloa; D. Carlos Varela García, fiscal, membro do Foro Enrique Peinador; Dona Aurora Villar; D. Celso Domínguez, colleiteiro; e Dona Carmen Pérez Vaquero, secretaria da asociación Álvaro das Casas, coa finalidade de valorar as propostas presentadas na XV edición dos Premios Bacelos de Prata. Logo de deliberaren sobre as mesmas acordan conceder os premios do ano 2023 a:
ADEGA TAPIAS MARIÑÁN, da denominación de orixe Monterrei, situada na localidades de Pazos, no concello de Verín (Ourense), que desde o ano 2007 elabora viños con marchamo de identidade e garantía de orixe utilizando a lingua galega nas etiquetas dos seus caldos, levando o noso idioma con orgullo nos mercados onde comercializan. Viños producidos en terras centenarias como QUINTA DAS TAPIAS, branco elaborado coas variedades autóctonas godello, treixadura e mencía; PAZO DE MARIÑÁN, tinto elaborado coas variedades mencía e arauxa (tempranillo); TAPIAS 10, elaborado coidadosamente con acios de cepas máis antigas da Quinta das Tapias, producidos con prácticas enolóxicas realizadas a conciencia desde a poda ata a vendimia, cunha coidada elaboración que resume unha maneira de facer en busca da calidade. Resalta o xurado a importancia da iniciativa empresarial destacando a aposta que fan pola lingua galega que espallan a través da publicidade, páxina web e as etiquetas dos viños nos fogares e restaurantes o de se consumen.
LEITE NOSO SOCIEDADE DE GANDEIROS GALEGOS, empresa constituída no ano 2016 en Santiago de Compostela coa vontade de garantir Unha produción de leite de calidade e a súa comercialización a través de dúas marcas DELEITE e MUUU etiquetadas exclusivamente en lingua galega co compromiso de achegar un produto de calidade aos consumidores e consumidoras sen intermediarios para seren competitivos no mercado, utilizando unha filosofía de incorporada lingua galega na etiquetaxe e publicidade coa finalidade de identificarse coa identidade cultural do país. A empresa ao abeiro da RSC desenvolve unha serie de actividades periódicas a prol da cultura, a literatura, as artes, o cinema ou a música considerando que son parte fundamental da idiosincrasia galega. Coa súa aposta pola lingua nos envases da marca DELEITE, comercializada nos grandes centros de distribución, dánlle unha ampla visibilidade á lingua galega. Considera o xurado o feito positivo de que tamén a súa páxina web estea no idioma galego. Sendo as 20:45 horas, levántase a sesión do que como secretaria dou fe asinando ao pé os membros do xurado.”