Xosé González Martínez: Secretario da Irmandade Xurídica Galega e Presidente Foro E. Peinador. Vicepresidente da Asociación de Amigos do Couto Mixto.
Hai vinte anos constituíuse en Esposende, Ribadavia, a Asociación Álvaro das Casas, no pazo familiar de Álvaro das Casas, unha figura senlleira na dinamización galeguista no primeiro terzo do século XX. Foi o creador da asociación xuvenil “Ultreia” que chegou a aglutinar máis de dous mil afiliados.
Desta volta, por ter relación co obxecto desta colaboración periodística, ímonos referir a outra das súas significativas iniciativas: a Unión de Colleiteiros do Ribeiro do Avia (UCRA), antecesora do cooperativismo vinícola do Ribeiro e do resto do país, creada en xaneiro de 1936. O Manifesto fundacional é un discurso que aínda hoxe ten vixencia. Porque en sete medidas, apelábase á mellora da calidade dos viños, recuperando as castes autóctonas que foran substituídas por outras foráneas.
Non descoidaba a filosofía do Manifesto a importancia que tiñan os consumidores para facer viable ese obxectivo, chamando aos galegos ao consumo responsable con actitudes como a de “pedir nos cafés, por suntuosos e encopetados que sexan, viño tostado e augardente do Ribeiro, estimulando o seu consumo, dando así a posibilidade de que a economía agrícola fose unha fonte de riqueza para fixar poboación e evitar a sangría da emigración”.
No Manifesto da UCRA non se fai mención á galeguización das etiquetas. Mais eu tiven nas miñas mans moreas de papeis que Álvaro das Casas deixou no seu pazo entre os que atopei etiquetas en galego para o envases dos seus viños.
Por iso a UCRA é precursora das propostas galeguizadoras das etiquetas dos produtos promovida pola Irmandade Galega de Agroalimentarios e Adegueiros e a propia Asociación Álvaro das Casas, que todos os anos convoca os premios “Bacelos de Prata” desde hai dezanove anos, para honrar a todas as empresas e adegas que decidiron incorporar a lingua galega nas súas marcas comerciais.
Este ano premiáronse a Adega Tapias Mariñan da denominación de oríxe Monterrei, creada en 2007, e Leite Noso Sociedade de Gandeiros Galegos, constituida no ano 2016 en Santiago de Compostela.
O xurado que concedeu ambos os dous premios considera que a Adega Tapias Mariñan elabora viños con marchamo de identidade e garantía de oríxe, recuperando as castes autóctonas e utilizando a lingua galega nas etiquetas. Pola súa coidada elaboración dos viños a Adega Tapias Mariñan foi acredora de numerosos premios de aquén e alén das nosas fronteiras.
Considera tamén o Xurado calificador que Leite Noso comercializa as dúas marcas DELEITE e MUUU, que gozan dun merecido prestixio nos espazos comerciais e recoñecemento dos consumidores. O éxito destes produtos, que incorporaron a lingua galega na etiquetaxe e publicidade son mostra do inequívoco compromiso das marcas co sinal máis importante da identidade galega.
O próximo día 7, ás 12:00 horas, entregaránselles os Bacelos de Prata a estas empresas que elaboran produtos procedentes da riqueza do noso agro. O acto público celebrarase no Pazo dos Ulloa,en Esposende, seguido dun xantar de irmandade. Os interesados en asistir poden comunicalo a través do teléfono do Pazo.
Recollendo os postulados do Manifesto da UCRA, nós tamén apelamos aos consumidores para que amosen preferencia polas marcas galeguizadas, e nomeadamente por estas dúas premiadas cos Bacelos de Prata, porque con ese xesto patriótico fomentan o desenvolvemento económico do campo galego, e ao tempo incentivan a galeguización do tecido produtivo galego, dotándoo de alma, corazón e vida. O futuro de Galicia depende de cada un de nós.
*Presidente do Foro E. Peinador.
Curriculum de Xosé González Martínez
Dende 1979 foi funcionario da administración local, primeiro en Redondela, onde estivo 20 anos no Servizo de Normalización Lingüística do concello, e despois na mancomunidade da Área intermunicipal de Vigo onde foi director do Servizo de Normalización Lingüística.
Foi director da Revista de Administración Galega, subdirector da revista Lingua e Dereito que edita a Universidade de Vigo. É presidente da Fundación dos Premios da Crítica Galicia, secretario da Asociación de Amigos de Couto Mixto, fundador da Asociación de Funcionarios para a Normalización Lingüística e da Asociación de Xuristas en galego. Foi un dos creadores do Premio Blanco Amor. É impulsor da Fundación Galicia Empresa e da Fundación Lois Peña Novo (sendo o actual Presidente), e presidente do Foro Enrique Peinador. Colaborador en prensa (Faro de Vigo) e radio (Radio Galega) e da Enciclopedia Galega Universal. Foi o tradutor ao galego dos Códigos Penal e Civil e de moita outra literatura xurídica.
Outros ártigos de Xosé González
A opinión de Xosé González: “O plurilingüísmo do estado español”
A opinión de Xosé González: “Xuíces honorarios do Couto Mixto 2023”
A opinión de Xosé González Martínez: “Premios Peña Novo”
A opinión de Xosé González Martínez: “Levar o Estatuto de Autonomía ás empresas “
A opinión de Xosé González Martínez: “XIV Asemblea da Irmandade Xurídica Galega”