A Serra do Larouco, no concello limiao de Baltar (Ourense), será o escenario da edición 2024 do Campeonato de España de Parapente, segundo a decisión da Real Federación Aeronáutica Española comunicada ao Club Parapente Baltar, que presentara a candidatura para organizar o evento.
A proba celebrase no Larouco entre os días 14 e 20 de xullo de 2024, e será a primeira vez que o campionato estatal en Galicia estea organizado por un club galego, xa que anteriores torneos nacionais e internacionais enmarcáronse dentro de eventos organizados por entidades lusas.
“Para nós é un fito con moito valor. Por unha parte, recoñécese unha vez máis o Larouco como un enclave privilexiado para a práctica do parapente e actividades de voo libre. Mais tamén é un recoñecemento ao labor do club e a súa capacidade organizativa. Nós seguimos traballando para converter o Larouco nun espazo de referencia do parapente na Península, e a concesión do campionato de España é un salto cara adiante para que esta montaña se consolide como escenario de actividades deportivas, co parapente como eixo”, explica Enrique Cuquejo, portavoz do Club Parapente Baltar.
O Club Parapente Baltar recibiu o apoio do Concello de Baltar e da Deputación Provincial de Ourense, así como da Federación Aeronáutica Galega e da Xunta de Galicia, para presentar a candidatura do Larouco, e agora espera contar con estar mesmas entidades para desenvolver o campionato.