O BNG solicita unha reunión urxente da Comisión de seguimento das Obras do AVE para abordar as eivas no proxecto de entrada da alta velocidade na cidade e a supresión do paso a nivel de Peliquín

O paso a nivel de Peliquín e as eivas do proxecto da nova estación intermodal son, para a formación nacionalista, “da suficiente entidade como para que todas as partes implicadas sentemos, avaliamos e corrixamos un proxecto que vai transformar a cidade”. Desde o BNG sinalan que “do que fagamos agora depende o futuro de Ourense “

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 13 de outubro de 2023. O BNG, a través do deputado Néstor Rego, solicitou o pasado mes de xullo información ao ADIF sobre o proxecto que prevé a supresión do paso a nivel de Peliquín e a súa substitución por unha pasarela elevada para os peóns e situada a uns 400 metros do actual, solución que xera “un claro rexeitamento veciñal”, e os motivos polos cales non se efectiviza a proposta inicial e consistente nun paso soterrado tanto para peóns como para o paso de vehículos.

O ADIF ven de respostar e segundo o Portavoz municipal no Concello de Ourense Luís Seara, “da resposta despréndense cousas que resultan ao noso entender bastante chamativas”. Seara salienta o feito de que “a proposta que agora defende a veciñanza e que falicitaría o tránsito de peóns a ambos lados da vía era a proxectada inicialmente polo tanto entendemos que técnicamente a proposta é viable”, e engade, “ao noso entender non ten moito sentido que non se aproveite o paso soterrado que se vai executar para o paso de vehículos e adaptalo tamén ao tránsito de peóns”.

Diante desta situación, no BNG insisten na necesidade de que o Concello dea un paso a fronte para o cal o Portavoz municipal do BNG Luís Seara, pídelle ao actual Rexedor que “se dirixa ao Ministerio, aproveitando a participación municipal no convenio marco de colaboración asinado en xuño de 2016 entre o Ministerio, a Xunta, o Concello e o ADIF para o desenvolvemento da futura estación intermodal de Ourense e o seu entorno urbano co obxectivo de estudar e avaliar todas as alternativas posibles e todas as eivas existentes nos proxectos de integración do AVE na cidade”.

Seara adianta que “desde o BNG imos seguir insistindo en que se adopte a solución menos lesiva para os intereses da veciñanza da zona e polo tanto, para os intereses da veciñanza de Ourense no seu conxunto”, e conclúe, “do que fagamos agora, depende o futuro de Ourense, o seu desenvolvemento urbanístico e de mobilidade”.