O BNG de Barbadás denuncia o acontecido no Pleno do xoves e as prácticas “antidemocráticas” do actual Goberno Local

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

A denuncia da formación nacionalista ven dada polo acontecido no Pleno extraordinario celebrado onte no que o Goberno aprobou un suplemento de crédito por valor de 200.000 euros pero sen ter enviado previamente a documentación aos Grupos da Oposición

Sarín Núñez, “pedimos no propio Pleno que o punto fose retirado da orde do día pois non tíñamos constancia nin da súa inclusión nin da documentación que o sustentaba mais o Goberno local fixo caso omiso, amosando unha actitude antidemocrática”

Ourense, 20 de outubro de 2023.Na tarde de onte, o Concello de Barbadás celebraba un Pleno extraordinario para a aprobación dun suplemento de crédito por importe de 200.000 euros para o pago de facturas pendentes polo subministro de enerxía eléctrica nos anos 2021 e 2022 e do que a oposición “nin tíñamos constancia nin coñeciamos a documentación do mesmo”.

O Portavoz do BNG en Barbadás Sarín Núñez denuncia que “ás 11:00h da mañá advertíusenos da duplicidade dun punto na orde do día pero non de que se incorporaba un punto novo relativo a outro suplemento de crédito e por suposto non se nos remitiu a documentación do mesmo para a súa análise previa”.

Núñez advertiu no Pleno desta circunstancia, instando ao Goberno Local a retirar o punto da orde do día, remitir a documentación do mesmo á oposición e incorporalo na orde do día do Pleno de novembro, “mais o Goberno negouse a facilitar o traballo que lexítimamente facemos os Grupos da oposición e cunha actitude antidemocrática decidiu manter o punto e aprobalo coa colaboración necesaria de DO”.

Os Concelleiros e Concelleiras do BNG abandonaron a sesión antes de que se procedese á votación pois consideran o acontecido “unha auténtica cacicada na que pretendían que votásemos a cegas”.

O Portavoz nacionalista advirte da perigosa deriva do actual Goberno Local de Barbadás, quen da man de Democracia Ourensana parece “estar copiando as maneiras, as actitudes e as formas que aplica o Goberno do Concello de Ourense”.

Desde a formación nacionalista adiantan que solicitarán senllos informes tanto á Secretaría como á Intervención municipal “sobre o acontecido e a validez do acordo acadado, reservándonos en todo caso adoptar as medidas que en defensa dos nosos lexítimos dereitos e segundo proceda en dereito correspondan”.