A Federación de asociacións culturais Galiza Cultura, conxuntamente coas asociacións federadas, celebraron este Samaín de 2023 realizando simultaneamente en varias vilas do país unha actividade conxunta protagonizada pola lectura do texto de Castelao ‘Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete’.
En Carballiño foi a A.C. Avantar a organizadora do evento.

Profundar e poñer en valor o significado que na nosa cultura e ao longo da nosa historia, así como a forma específica de entender a morte en Galiza, é o obxectivo de dita celebración, pois logo ‘Un ollo de vidro. Memorias dun esquelete’ reflicte, desde unha visión critica, mais tamén retranqueira, a nosa visión da morte, tal como a entendemos na Galiza, xusto nestas datas de celebración do Samaín.

A peza de Castelao, da que se cumpriron os cen anos da súa publicación por parte da Editorial Céltiga de Ferrol, representa unha metáfora da Galiza e amósanos a sociedade na que vivía Castelao (que ben pode ser na que vivimos nós) mirada por un esqueleto, que en vida (en carne, como persoa) non era quen de ver a realidade, a sociedade na que vivía e o significado das cousas, mais en morte, a través dun obxecto (o seu ollo de vidro, que se converte en fetiche, en moeda de cambio, nun lente) é capaz de analizar o contexto social que reproduce aquel mundo do que provén (a vida) exactamente igual. O alén, a morte, non se concibe coma un acto onde conclúe a vida porque a morte é igual que a vida.