O presidente do goberno provincial participou hoxe, en Expourense, na inauguración da 24ª edición do Salón Internacional de Turismo Gastronómico, o seu primeiro acto neste recinto como membro do Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, en calidade de presidente da Deputación
A Deputación de Ourense participará este ano en Xantar cunha proposta gastronómica que se vertebra en torno á Vía da Prata, o principal itinerario xacobeo da provincia que atravesa máis dunha vintena de municipios
Ourense, 2 de novembro de 2023.- O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, afirmou hoxe na inauguración de Xantar en Expourense, que este Salón proxecta entre os visitantes “a imaxe de Ourense como destino turístico e gastronómico de calidade”. O acto inaugural contou coa presenza tamén do presidente da Xunta de Galicia, Alfonso Rueda; e do director xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
No seu primeiro acto en Expourense como membro do Padroado da Fundación Feiras e Exposicións de Ourense, en calidade de presidente da Deputación, Luis Menor destacou o papel que exerce este recinto “na promoción da provincia de Ourense” coa organización de eventos como Xantar, “a única feira con selo internacional de turismo gastronómico recoñecida polo Goberno de España”. Asegurando que esta feira, “emblema para a provincia de Ourense, vai máis aló das nosas fronteiras, deixando unha fonda pegada de Ourense e de Galicia nunha morea de países”.
Nesta nova edición de Xantar, a Deputación de Ourense, a través do Inorde, participa cunha proposta gastronómica que se vertebra en torno á Vía da Prata, o principal itinerario xacobeo da provincia que atravesa máis dunha vintena de municipios. O restaurante da provincia de Ourense ofrece aos visitantes un menú que cumpre “cun dos eixos fundamentais deste mandato na Deputación: facer provincia”, salientou Menor, quen agradeceu a colaboración de Cuevas e Coren, “que nos acompañan un ano máis para ofrecer aos comensais produtos quilómetro cero e que son exemplo de sustentabilidade”.
24º Salón Internacional de Turismo Gastronómico
Xantar converterá a Expourense, do 2 ao 5 de novembro, no epicentro do turismo enogastronómico peninsular reunindo a un centenar de expositores, 59 adegas expositoras a maiores e con cinco países representados (España, Portugal, Colombia, Perú e Costa Rica). Entre as novidades desta edición, na que se contemplan máis de 140 actividades, destaca a gran “Zona de Tapas” con comedor central no que os visitantes poderán escoller entre distintos tipos de comida.