Os e as socialistas critican a política de desmantelamento “total” levada a cabo polo executivo galego presidido polo Partido Popular e esixen medidas “inmediatas” e “urxentes” para a reposición dos facultativos necesarios nos centros de saúde de Cartelle e Outomuro
Jesús Pereiras afirma que “é inadmisible que a nosa veciñanza non teña uns servizos médicos dignos e que a atención primaria en Cartelle siga a sufrir os recortes “masivos” do PP”
Cartelle, 22 de novembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Cartelle denuncia que a falta de facultativos nos centros de saúde do municipio está causando “graves” prexuízos á veciñanza a hora de poder recibir unha atención sanitaria “digna”. Os e as socialistas critican a política de desmantelamento “total” levada a cabo polo executivo galego presidido polo Partido Popular e esixen medidas “inmediatas” e “urxentes” para a reposición dos facultativos necesarios nos centros de saúde de Cartelle e Outomuro.
Dende o grupo municipal socialista relatan que esta mesma semana, unha veciña das Maravillas atopouse indisposta e cando acudiu a súa consulta en Outomuro, non había ningún médico dispoñible para atendela. “Tras dúas horas de agarda a veciña tivo que dirixirse a consulta de Cartelle, pagando un taxi para desprazarse é unha vez aló atopou dificultades para ser atendida”, explican os e as socialistas do municipio, que tamén apuntan que “o médico xa remataba a súa xornada laboral, pero tras as peticións da paciente e da persoa que a acompañaba, finalmente puido ser atendida”.
A pesar da atención recibida, a veciña tivo que facer 40 quilómetros entre o seu domicilio e os dous centros de saúde, ata que puido recibir atención sanitaria, ademais de agardar máis de 3 horas para poder ser atendida. “É inadmisible que a nosa veciñanza non teña uns servizos médicos dignos e que a atención primaria en Cartelle siga a sufrir os recortes “masivos” do PP”, denuncia o voceiro do PSdeG-PSOE en Cartelle, Jesús Pereiras Vázquez.
O edil socialista na corporación municipal relata que “xa vai para tres anos que se xubilou un dos médicos que tiñamos ao noso dispor nos centros de saúde, pero esa praza segue sen cubrirse”. Ante esta situación os veciños e as veciñas de Cartelle recolleron firmas en novembro de 2021, pero tal e como subliña Pereiras Vázquez “a día de hoxe as peticións non foron escoitadas e a veciñanza segue padecendo as consecuencias de non dispor dunha atención primaria como merece”.
Dende o PSdeG-PSOE de Cartelle destacan que o municipio “conta cunha poboación moi envellecida, e que en moitos casos ten carencias de transporte, polo que debe optar por un taxi para acudir a un centro de saúde”. Cartelle conta con dous centros de saúde, pero tal e como afirman os e as socialistas “o problema radica en que os facultativos non atenden a diario nos dous centros, o que supón que a veciñanza se atope desatendida en numerosas ocasións e teña que desprazarse entre Cartelle e Outomuro, para ver, se con sorte, poden ser atendidos”. Jesús Pereiras fai fincapé en que estamos ante un “agravio” e reivindica que “é de xustiza que a veciñanza dispoña dunha atención sanitaria digna e duns responsables políticos que defendan os seus intereses ante a falla de medios na atención primaria”.