A presenza de alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia na executiva e no consello da Fegamp supón unha nova de “gran calado” para os intereses de Ourense

Xosé Carlos Valcárcel e Patricia Domínguez formarán parte da Comisión Executiva, namentres que Sara Inés Vega, Paco Fumega, Uxía Oviedo e Álvaro Vila serán os representantes no Consello Federal

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense salientan que con estes nomeamentos a provincia “terá voz e gaña peso dentro da Fegamp para promover, representar e defender os intereses dos concellos”

AVANTAR ACTIVIDADES

Ourense, 28 de novembro de 2023. O PSdeG-PSOE de Ourense destaca que a presenza de alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia na Comisión Executiva da Fegamp e no Consello Federal supón unha noticia “de gran calado” para os intereses da provincia de Ourense. Os e as socialistas fan fincapé en que estes nomeamentos poñen de relevancia “o bo facer” dos rexedores e rexedoras do PSdeG-PSOE na provincia.

Recentemente foron nomeados como membros da executiva da Fegamp Xosé Carlos Valcárcel Doval, alcalde de Barbadás, e Patricia Domínguez Barja, alcaldesa de Trives. Ambos toman o releva de Paco Fumega e Sara Inés Vega, que formaban parte da última executiva. Ademais, dentro do Consello Federal tamén foron incluídos Álvaro Vila Araújo, alcalde de Taboadela, Uxía Oviedo de Dios, alcaldesa de Maceda; Sara Inés Vega Núñez, alcaldesa de Castro Caldelas, e Francisco Fumega Piñeiro, alcalde do Carballiño.

Dende o PSdeG-PSOE de Ourense salientan que con estes nomeamentos a provincia de Ourense “terá voz e gaña peso dentro da Fegamp para promover, representar e defender os intereses dos concellos da provincia”. Os e as socialistas tamén apuntan que coa presenza de 6 alcaldes e alcaldesas socialistas da provincia nos órganos de goberno da Fegamp “prémiase o municipalismo socialista da provincia, amosando o compromiso férreo que o PSdeG-PSOE de Ourense ten co mundo local”.