Bodega Alanís e o poprock dos ‘hermanos Walker’ clausuran o ciclo ‘Cata a Arte’ 2023

Bodega Alanís presentou onte o seu viño branco Gran Alanís 2022 da man do seu enólogo, Antonio Muñoz, para unha sala con aforo completo na última sesión da novena edición do ciclo “Cata a Arte”. Nesta ocasión, o viño estivo acompañado pola música poprock do dúo ourensán Hermanos Walker, alternando temas propios en castelán e galego con versións de Bob Dylan, REM;Tom Petty, Rolling Stones, etc,, así como de bocados gastronómicos que harmonizaron á perfección. O evento tivo lugar na planta baixa coa exposición de Correa Corredoira de fondo, mostra que naceu como resultado da experiencia do artista en dúas viaxes a Namibia convidado para realizar unha “rosa dos ventos” e empaparse dos costumes, iconos, historia e mitos dese país.

O dúo musical Hermanos Walker ofreceu aos asistentes unha xornada moi animada para enriquecer con máis aromas e sabores unha experiencia vitivinícola da máis alta calidade. O encanto propio da sala do Centro Cultural xunto coas sensacións da degustación do viño branco Gran Alanís e as impresións exclusivas da música poprock confluiron nunha maridaxe harmónico que non deixou indiferente a ningún asistente.

AVANTAR ACTIVIDADES

Fundada no 1910, Bodega Alanís leva máis de 100 anos creando viños singulares e de calidade. O segredo dos seus longos anos de bo facer: unha coidada selección de uva en orixe, potenciando as variedades autóctonas, como a Treixadura e o Godello e un refinado proceso de elaboración fusionando a tradición e a vangarda tecnolóxica.

Nesta novena edición continuouse coas catas solidarias, solicitando que cada asistente colabore cun donativo dirixido integramente para a Asociación para la Lucha contra las Enfermedades Renales (ALCER Ourense), organización de carácter social e sen ánimo de lucro que ten como finalidade mellorar a calidade de vida de todas aquelas persoas afectadas por enfermidades renais e os seus familiares; desenvolvendo distintas actividades enfocadas á prevención e a loita contra as enfermidades que afectan ao ril, así como á doazón de órganos; tamén ofrecen servizos de interese como son os de traballo social, nutrición ou psicoloxía. A asociación está composta por persoas con enfermidade renal crónica en tratamento de diálese, con trasplante de ril, familiares, así como persoas sensibilizadas con este tipo de enfermidades e a súa problemática.

O vindeiro mes de xaneiro entregarase o cheque solidario coas aportacións de todos os asistentes durante as cinco xornadas que abrangueu o ciclo. O evento de entrega celebrarase no Centro Cultural Marcos Valcárcel.

Viño e arte

O ciclo rematou onte coa súa última sesión e celebrouse durante cinco xornadas no Centro Cultural Marcos Valcárcel de Ourense, dende o 2 de novembro ata o 30 do mesmo mes con presentacións e degustacións de viños de adegas da D.O. Ribeiro e con accións culturais. O seu aforo estivo limitado a 100 persoas por xornada, e as prazas foron cubertas por orde de retirada dos convites de xeito presencial no Centro Cultural dende o luns anterior a cada evento.