O grupo municipal socialista logra que se aprobe a moción pola que se insta ao concello a retomar a colaboración co Ouff

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

o grupo municipal socialista logra que se aprobe a moción pola que se insta ao concello a retomar a colaboración co ouff e a actualizar os equipos de proxección do auditorio de Ourense

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Tamén conseguiu o respaldo da oposición para que Ourense se presente á candidatura da capitalidade europea da cultura no ano 2031

Os e as socialistas amosaron o seu apoio aos empregados e empregadas dos medios de comunicación cando abandonaron o pleno ao comezar o debate da moción de DO que os cualificaba como “carroñeiros” e “miserables”

Ourense, 1 de decembro de 2023. O grupo municipal socialista vén de lograr que se aprobe a súa iniciativa para que Ourense se presente á capitalidade europea da cultura que ostentará unha cidade española no ano 2031. Contou co respaldo dos votos de PP e BNG e a abstención de Democracia Orensana, que anticipou que botará balóns fóra á hora de promover a candidatura afirmando que as que teñen que aportar recursos para acadala son as outras administracións –tanto o goberno autonómico como o estatal–.

Así mesmo, pídese na moción a posta en funcionamento dun proxecto que recupere “as actividades culturais nun espectro amplo do termo, mellore as infraestruturas termais e, en consecuencia, a calidade de vida da cidadanía”, tal e como defendeu a edil Cristina Cruz. “Estamos ante unha oportunidade histórica para achegar inversións nacionais e europeas e converter a nosa cidade nun referente do noroeste do país”, engadiu.

Para elo será imprescindible a creación dun padroado ou fundación no que se inclúan entidades, grupos políticos, tecido asociativo e cultural que coordine e colabore en todo o proceso –dende a presentación da candidatura ata o ano 2031– e que sirva de nexo de unión co executivo central e coas institucións europeas.

Tamén conseguiu o respaldo do PP e do BNG para a iniciativa debatida na que se insta ao goberno de Gonzalo Pérez Jácome a que o Concello de Ourense recupere a participación no Ourense Film Festival, que deixou de facerse no último ano de mandato de Jesús Vázquez como rexedor.

Neste texto, debatido na sesión plenaria ordinaria do mes de decembro, tamén se solicita que se acondicione o auditorio municipal cos equipos necesarios para proxectar filmes, posto que actualmente non dispón de dita maquinaria e ten que alugarse cada edición do certame. A edil do PSdeG Alba Iglesias reclamoulle ao alcalde que deixe de falar do festival coma se dun cancro se tratara e que atenda as necesidades culturais de toda a cidadanía. Aproveitando esta mellora na infraestrutura do auditorio, os e as socialistas propoñen ademais que se programen, de xeito estable e diverso, longametraxes para a veciñanza máis aló do certame.

Quixo referirse específicamente aoCineClube Padre Feijóo para agradecer a súa colaboración e compromiso continuo coa cultura e os ourensáns e ourensás e cualificounos como “o último reduto para desfrutar longametraxes que non se inclúen no circuito comercial das grandes distribuidoras”. Trátase dun dos máis antigos da nosa comunidade autónoma que recentemente, e logo de máis de 50 anos de traballo, foi recoñecido co distintivo de “utilidade pública”, outorgado pola Xunta de Galicia.

Moción de DO

Por outra banda, os e as socialistas amosaron o seu apoio aos empregados e empregadas dos medios de comunicación que abandonaron o salón de plenos ao comezar o debate da moción que DO pretendía aprobar e que retirou logo de presentar o PSdeG unha emenda de substitución aos seus reclamos.

A portavoz, Natalia González Benéitez, lamentou que sexa o xerente “dunha televisión que é Auria TV, financiada con cartos públicos” o que presente semellante iniciativa. “É tremendamente absurdo que vostedes plantexen combater algo do que son o máximo expoñente nesta cidade”, sinalou en referencia ás noticias falsas das que falaron o alcalde e o edil que expuxeron a iniciativa.