Na convocatoria celebrada esta tarde no Pazo Provincial, o vicepresidente segundo da Deputación, César Fernández, puxo en valor o traballo que realiza o equipo directivo da universidade a distancia, que logrou superar neste curso o millar de alumnos
Ourense, 12 de decembro de 2023.- O vicepresidente segundo da Deputación de Ourense, César Fernández, participou hoxe no Pazo Provincial na xunta reitora do Consorcio da UNED, que aprobou un orzamento para 2024 que acada preto de 1 millón de euros. César Fernández puxo en valor o traballo que realiza o equipo directivo da UNED Ourense, que logrou superar neste curso o millar de alumnos. Con esta convocatoria péchase un ano “moi positivo” para esta institución, valorou o vicepresidente, agradecendo o traballo que realiza a comunidade educativa da UNED na provincia de Ourense.
O vicepresidente do goberno provincial salientou, na súa propia experiencia como alumno da UNED, a importancia que ten para a sociedade contar cunha “formación plural, aberta e de calidade para que as persoas poidan estudar sen as facilidades da formación presencial” e que aposta por potenciar a súa presenza en toda a provincia como é o caso da súa sede en Valdeorras, “que permite achegar a Universidade á sociedade”.
Na xuntanza, na que se tratraron tamén asuntos académicos, tamén participaron a vicerreitora primeira da UNED e vicerreitora de Investigación, Transferencia e Divulgación, Rosa María Martín; o director da UNED en Ourense, Jesús Manuel García; o tenente de alcalde do Concello de Ourense, Armando Ojea; o administrador da UNED Ourense, Gonzalo Alonso; o representante de titores e coordinador académico, Julio Prada; a secretaria, María Concepción Álvarez; e representantes de estudantes e do persoal administrativo. Ademais, conectáronse por videoconferencia a alcaldesa de A Rúa, María González Albert; e o director xeral de Universidades da Xunta de Galicia, José Alberto Arias.