“Na Deputación coincidimos plenamente cos obxectivos que persegue esta nova asociación, centrados en mellorar a calidade de vida das persoas maiores, e sempre atopará en nós total colaboración para desenvolver as políticas precisas para protexer aos nosos maiores e aproveitar a súa experiencia e sabedoría”, sinalou o presidente provincial
A presidenta da Asociación Mirada Mulleres +60, María Antonia Rilo, expuxo os obxectivos deste colectivo como son reforzar as políticas adicadas á loita contra o edadismo, a soidade non desexada, a violencia de xénero en mulleres maiores ou a fenda dixital, e agradeceu a boa disposición do presidente coas súas propostas
Ourense, 4 de xaneiro de 2024.- O presidente provincial, Luís Menor, recibiu esta mañá na Deputación á directiva da Asociación Mirada Mulleres +60, presidida por María Antonia Rilo, quen explicou os obxectivos que persegue este colectivo de recente creación, onde destacan, entre outros aspectos, reforzar as políticas adicadas á loita contra o edadismo, a soidade non desexada, e a fenda dixital dos maiores, a loita contra a violencia de xénero nas mulleres maiores e a necesidade de reforzar programas de acompañamento.
Así, Menor agradeceu a visita e as propostas da directiva de Mirada Mulleres +60, “pois os seus obxectivos, centrados en mellorar a calidade de vida das persoas maiores, son tamén os nosos e os de toda a provincia”, polo que sentaron as bases para establecer colaboración en publicacións e para a organización de actividades. Ademais, o presidente provincial comprometeuse coa asociación a fomentar a creación do Consello Municipal de Maiores nos concellos da provincia de Ourense, un órgano participativo pensado para poñer en valor a experiencia das persoas maiores nos seus municipios e reforce a súa presenza social. “Na Deputación coincidimos plenamente cos obxectivos que persegue este colectivo, e sempre atopará en nós total colaboración para desenvolver as políticas precisas para protexer aos nosos maiores e aproveitar a súa experiencia e sabedoría”, explicou Luis Menor.
A presidente da Asociación Mirada Mulleres +60, María Antonia Rilo, expuxo os obxectivos deste colectivo, e agradeceu a boa disposición do presidente provincial coas súas propostas, así como a excelente acollida respecto ao Consello Municipal de Maiores nos concellos da provincia. “É algo moi positivo tanto para a persoa maior que aporta, como da propia sociedade que recibe esa experiencia”, explicou Rilo, abundando en que “a loita contra o edadismo e contra a violencia de xénero en mulleres maiores son dúas liñas nas que seguiremos a traballar porque consideramos que son dous temas moi importantes”.