Así o acordaron esta mañá o presidente provincial, Luis Menor e a presidenta da entidade, Mª del Carmen Sampayo, durante o encontro de traballo que mantiveron no Pazo Provincial para definir as liñas de cooperación entre ambas institucións
O Colexio de Economistas de Ourense “presta servizo a máis de 400 colexiados que teñen unha forte implicación no desenvolvemento económico da provincia”, asegurou Luis Menor
Ourense, 4 de xaneiro de 2024.- O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, mantivo hoxe no Pazo Provincial, un encontro de traballo coa presidenta e co vicepresidente do Colexio de Economistas de Ourense, Mª del Carmen Sampayo e Julio Vila, respectivamente, para definir as liñas de colaboración entre ambas institucións.
O Colexio de Economistas de Ourense “presta a máis de 400 colexiados que teñen unha forte implicación no desenvolvemento económico da provincia”, asegurou Luis Menor. Froito dese traballo “xorde a necesidade de reeditar o convenio de colaboración entre ambas institucións, con carácter plurianual, para desenvolver actividades que contribúan a poñer en valor o traballo que realizan os economistas ourensáns”. Esta cooperación permitirá levar a cabo actividades a prol da defensa dos intereses dos economistas ourensáns, así como outras accións como son o torneo de debate económico de carácter nacional ou cursos formativos.
O presidente provincial tamén se comprometeu a colaborar coa celebración do 4º Premio de Economía de Galicia, organizado polo Consello Galego de Economistas, que terá lugar este ano por primeira vez en Ourense. Así mesmo, reforzarase a participación do Colexio de Economistas no Observatorio Económico Ourensán, e explorouse a posibilidade de implicar aos colexiados, como docentes ou como alumnado, nas actividades formativas que oferta a institución provincial en materia económica.
Mª del Carmen Sampayo puxo en valor o compromiso que ten o Colexio co desenvolvemento económico da provincia desde o punto de vista educativo e do capital humano e económico, “e neste compromiso topamos a man tendida da Deputación que persegue eses mesmos obxectivos”.