A edil do PSdeG Cristina Cruz critica o inmovilismo do executivo local á hora de ofertar á cidadanía unha alternativa á UPO que tanto denostou o alcalde e que tanto aportaba á sociedade ourensá
“Os que o precisan xa non teñen xeito de conciliar naquelas horas nas que non hai clases regradas. O que estamos a ver é que dentro das prioridades do alcalde non se atopan as familias”, engadiu sobre a nefasta xestión educativa
Ourense, 23 de xaneiro de 2024. O grupo municipal socialista critica as irregularidades cometidas con Educocio, por parte do goberno de Jácome, e que a cidadanía de Ourense non dispoña de políticas de conciliación que resolvan os seus problemas do día a día. “Este programa piloto que abría os centros educativos públicos durante o fin de semana, polas tardes e no verán, suspendeuse por falta de orzamento”, lembrou a edil do PSdeG Cristina Cruz logo de volver a preguntar polo asunto nas Xuntas de Área que tiveron lugar hoxe.
“Os que o precisan xa non teñen xeito de conciliar naquelas horas nas que non hai clases regradas. O que estamos a ver é que dentro das prioridades do alcalde non se atopan as familias”, engadiu sobre unha xestión educativa que dende a formación socialista cualifican como nefasta.
Neste mesmo senso, a concelleira preguntou nas Xuntas de Área que tiveron lugar esta mañá cal era a situación da alternativa anunciada polo rexedor para suplir a carencia da Universidade Popular (UPO). Meses atrás, dende o goberno local afirmaran en reiteradas ocasións que a oferta de cursos sairía en xaneiro deste ano.
“Comezamos o 2024 e nada hai dese plan de formación innovador que prometera Jácome. E como escribiu Alexandre Dumas: o que non pode edificar o que fai é destruir”, rematou taxante despois de recibir evasivas sobre o asunto por parte do executivo municipal.