O servizo de emerxencias do Carballiño sintese esquecido polo concello

As bombeiras e bombeiros do Servizo municipal de emerxencias do Carballiño denuncian deficiencias e condicións laborais pésimas mentres o goberno municipal se nega a negociar.

Os traballadores levan dous anos reclamando melloras necesarias dado que a vila precisa do servizo como demostran as máis de 1000 actuacións anuais que realiza.

AVANTAR ACTIVIDADES

As traballadoras e traballadores do Servizo municipal de emerxencias do Concello do Carballiño levan arrastrando deficiencias e falta de inversión no mesmo dende o ano 2015, o que provoca que a día de hoxe non sexa plenamente operativo. Esta situación ven sendo denunciada dende fai dous anos, nos que as bombeiras/os, directamente e a través das centrais sindicais, reclaman a convocatoria dunha mesa de negociación para abordar os problemas. O Goberno municipal, polo momento, négase a convocala e a escoitalos.

Jonathan Domínguez, voceiro dos traballadores, afirma que “a vila do Carballiño non pode compararse cun concello rural pequeno, xa que ten máis de 15.000 habitantes e un urbanismo de cidade, con numerosos edificios altos, o cal supón un enorme risco que debe estar cuberto por un servizo exclusivo e operativo ás 24 horas e os 365 días do ano”. En efecto a vila do Carballiño é a segunda máis grande da provincia de Ourense, por detrás só da cidade, e ten máis de 30 edificios considerados de grande altura, polo que as situacións de risco debido a incendios, así como accidentes de tráfico –agudizados polas vías de alta densidade de tráfico que pasan polo concello como a N-541 ou a AG53- e outras emerxencias fan preciso que dispoña dun servizo permanente e exclusivo de atención a estas emerxencias.

Domínguez considera que “a presenza do parque de bombeiros comarcal, pertencente á Deputación provincial e que ten sede neste concello non é suficiente, pois a parte da situación actual que atravesa pola folga dos bombeiros é un parque que ten que atender 24 concellos, algún deles a case unha hora de traxecto, como Coles ou A Peroxa”, esta situación implica que “de producirse unha emerxencia fora do concello e a vez aparecer un incidente no Carballiño, a vila quedaría desprotexida, como xa ten pasado nalgunhas ocasións”.

Vista a realidade, as traballadoras denuncian que o concello desoe as súas reivindicacións e non inviste no Servizo, deixándoo baixo mínimos e poñendo en risco á poboación do concello, xa que sen medios ou equipamentos de protección non poden actuar. “A situación é tan grave que carecemos de equipamentos de protección individual, poñendo en risco as nosas vidas, e de medios para moitas actuacións como poden ser rescates”, o voceiro dos traballadores menciona como exemplo que “se fora preciso facer un rescate no río, aínda sen moita complexidade, non temos nin traxes de auga, nin cordas, nin chalecos”.

As melloras que reclaman son a dotación de equipos de protección individual (EPI), xa que non dispoñen da maioría deles, outros son compartidos –cos problemas hixiénico sanitarios que conleva-

e outros están caducados ou obsoletos, producindo unha falsa sensación de seguridade; formación para actuar con seguridade e ter protocolos compartidos de traballo; medios novos para atender ás

emerxencias, como material de rescate en altura ou en río, equipos para accidentes de tráfico, equipamento sanitario e de intervención en incendios ou emerxencias por climatoloxía adversa; a convocatoria dun proceso selectivo para cubrir as 20 prazas do servizo e ter unha bolsa para cubrir posibles baixas –a día de hoxe o servizo só ten 12 traballadores-; o recoñecemento da súa categoría como bombeiras e bombeiros; a regulación das súas funcións na relación de postos de traballo, para evitar facer traballos de todo tipo que non se corresponden cun servizo de emerxencias e melloras salariais que pasan polo recoñecemento de pluses de nocturnidade, perigosidade e turnicidade, xa que cobran actualmente o SMI a pesar de traballar tódolos días do ano as 24 horas.