O tenente de alcalde na Rúa, Luís Fernández Gudiña, subliña que a consellería “mira para outro lado, deixando un dos servizos esenciais e que máis precisa a veciñanza nunha situación totalmente precaria”
A candidata ao Parlamento, Carmen R. Dacosta, afirma que da man de José Ramón Gómez Besteiro “impulsaremos a construción deste centro de saúde, tal e como merecen os habitantes da Rúa”
“O solar do futuro centro de saúde da Rúa é unha imaxe ben significativa da planificación e intencións que ten a consellería de sanidade con respecto a atención primaria”, sinala Eladio Santos
A Rúa, 27 de xaneiro de 2024. O PSdeG-PSOE impulsará a partir do 18 de febreiro, con José Ramón Gómez Besteiro como presidente da Xunta de Galicia, a construción do novo centro de saúde da Rúa “paralizado” nestes momentos por parte do PP. Os e as socialistas denuncian que a veciñanza leva anos reclamando a construción do centro de saúde, debido a precarización do actual, que ten máis de 40 anos de vida, pero a pesar de ser prometido en numerosas ocasións “aínda non se materializaron o comezo das obras”.
Dende o PSdeG salientan que os terreos destinados para construír o centro de saúde “levan tempo preparados”. O tenente de alcalde e voceiro dos socialistas da Rúa, Luís Fernández Gudiña, explica que por parte do concello “deuse un pulo moi importante nos últimos tempos, conseguindo os terreos, póndoos a disposición da consellería de Sanidade e urbanizando a zona”. Neste senso tamén sinala que o propio concello “levou a cabo a rebaixa do 90% do ICIO e se lle deu a licenza, pero todo paralizouse, non se avanza e tras pasar 6 meses a licenza caducou e deberán pedir unha nova”.
Fernández Gudiña subliña que a consellería de sanidade “mira para outro lado, deixando un dos servizos esenciais e que máis precisa a veciñanza nunha situación totalmente precaria” e engade que “o centro de saúde actual ten máis de 40 anos e quedouse completamente obsoleto”.
Pola súa banda a candidata do PSdeG-PSOE de Ourense ás eleccións autonómicas, Carmen Rodríguez Dacosta, afirma que atención primaria “non existe para Rueda e Feijóo, xa que a teñen na UCI”. En relación ao centro de saúde da Rúa indica que “a poboación leva moitos anos agardando polo novo centro, e a pesar das reivindicacións e as necesidades da veciñanza, o PP nada fixo ata o de agora”.
Rodríguez Dacosta acusa á Xunta de Galicia de “non exercer as súas competencias, ao non comezar nin tan sequera as obras do futuro centro de saúde, a pesar de ser coñecedores de a veciñanza está nunhas condicións de atención sanitaria que non son dignas”. A cabeza de lista socialista aos comicios autonómicos afirma que da man de José Ramón Gómez Besteiro “impulsaremos a construción deste centro de saúde, tal e como merecen os habitantes da Rúa”.
“O solar do futuro centro de saúde da Rúa é unha imaxe ben significativa da planificación e intencións que ten a consellería de sanidade con respecto a atención primaria”, argumenta o candidato socialista ao Parlamento de Galicia, Eladio Santos Martínez. O candidato da comarca de Valdeorras destaca tamén que “este é un exemplo do que non se debe facer, posto que un servizo clave e esencial no mundo rural, non funciona correctamente e repercute negativamente nos servizos hospitalarios, xa que ante as listas de agarda de 10 ou 12 días, a veciñanza ten que acudir ás urxencias hospitalarias, xa colapsadas polos recortes do PP”.
Santos Martínez alude ao informe do defensor do paciente, publicado hai uns días, e que segundo afirma “demostra que atención sanitaria en Galicia é a máis saturada de España e que estamos a cola en investimentos neste sector, sendo a terceira comunidade autónoma que menos cartos destina a primaria”. O número 4 da candidatura socialista ao Parlamento de Galicia fai fincapé en que os e as socialistas “temos claro que planificar a atención primaria, cunha inxección e un plan concretos, vai conseguir os obxectivos que a cidadanía reclama e precisa”.