Noa Presas avanza que o goberno do BNG impulsará a IXP e a recuperará as variedades autóctonas do cereal

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

A cabeza de lista do BNG por Ourense e o número 2, Noa Presas e Iago Tabarés, avanzan as medidas contempladas no programa de goberno da organización para apostar o fomento da IXP, a recuperación das variedades autóctonas de cereal e o impulso das producións de calidade e da transformación das materias primas agrarias. Entre as medidas recollidas destaca tamén o apoio da Administración galega na compra pública de pan galego para comedores con financiamento público, como escolas ou hospitais, e favorecer o relevo xeracional coa incorporación de novos produtores.

Durante a visita a un forno en activo na localidade de San Cristovo de Cea -propiedade de María Jesusa- a organización nacionalista amosou o seu compromiso coa Indicación Xeográfica Protexida (IXP). “Cea é todo un símbolo para Ourense e tamén un símbolo de todo o que queda por facer e que, desde o BNG, poremos en marcha o 18-F no goberno da Xunta de Galiza” afirma a cabeza de lista do BNG.

“Faremos un plan de promoción para a IXP do Pan de Cea para dala a coñecer- a través de programas de comunicacións e difusión dos selos de calidade, entre outras actuacións-, mellorar as infraestruturas e impulsando un programa para o relevo xeracional” sinala Presas. Con 19 fornos que constitúe a principal industria agroalimentaria deste concello, a cabeza de lista sinala a necesidade de que conten con maior apoio por parte do goberno galego. Alén da mellora das infraestruturas e a potenciación da IXP, o BNG impulsará unha mellora na rede de comercialización do produto xa que é clave o apoio a pequenos e medianos proxectos familiares “como este forno que hoxe visitamos”.

Compra de produto galego para comedores con financiamento público

----------------------------------------------------------------------------------------------------------

“Apostamos pola compra pública de produto galego nos comedores que teñen financiamento público -por exemplo, de escolas ou hospitais- constituíndo un programa ambicioso que incorporaría todo tipo de produtos” apunta Noa Presas. O apoio á transformación alimentaria como alternativa sostible e para fixar poboación no rural é estratéxico. O goberno galego do BNG levará a cabo un programa de compra pública deste tipo de produtos locais, para xeneralizar o seu consumo na restauración pública, é dicir, en comedores de centros asistenciais, residencias, hospitais, etc.

Plan de Fomento da produción de cereais de calidade en Galiza

Falando en Cea, a cabeza de lista aproveitou a ocasión para falar “da recuperación das variedades autóctonas de cereal, a través dun Plan de Fomento da produción de cereais de calidade en Galiza. No marco deste plan, o BNG apostará porque isto “nos referencie ademais de que axude a recuperar superficie agraria en produción”.

Entre outras medidas que recolle o Plan destaca o reforzamento da política de apoio á cooperación entre produtores de cereal e industria, para o desenvolvemento da produción. Impulso das medidas de vertebración intrasectorial, nomeadamente a través do impulso da contratación homologada. Ademais, a extensión do programa de implantación dos pastos de montaña, coa inclusión do fomento da recuperación de variedades autóctonas de centeo do país xunto coas IXPs de Pan de Cea e Pan Galego (Caaveiro e Callobre), como ferramenta de recuperación da superficie cerealeira galega e da nosa soberanía alimentar.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------