O PP esixe ao Goberno que “cumpra a lei” e financie o 50% da dependencia en Galicia.
Nunha pregunta á vicepresidenta primeira e ministra de Facenda,
María Jesús Montero, Fernández denunciou que “a achega do Estado
á dependencia no ano 2020 foi a máis baixa desde 2007″, á vez que
lembrou que no pacto de Pedro Sánchez co PNV e o BNG,
“o Goberno comprometeuse a financiar o 50% do custo da dependencia
de maneira inmediata”.
Na súa intervención, o senador do PP puxo como exemplo as cantidades
investidas en Servizos Sociais polos cinco concellos que conforman
a Mancomunidade de Ribeiro: 763.400 euros.
Así, indicou que da devandita cantidade a Xunta colaborou cun
66%; a Mancomunidade cun 22%, e o Goberno cun 12%. “Nós
investimos un 88% en dependencia. E vostedes?”, reprochoulle a Montero.
“En Galicia non queremos ser máis que ninguén, pero tampouco consentiremos
ser menos que ninguén”, remarcou Francisco Fernández, tras o que insistiu
en que a vicepresidenta “ten a obrigación de cumprir a
lei e de financiar o 50% da Lei de Dependencia”.