Presas: “Conquistemos o presente concentrando o voto no BNG este 18F para gañarmos un futuro en Ourense”

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Noa Presas participa nun encontro coa mocidade ourensá para escoitar as súas inquedanzas e trasladar as primeiras medidas do BNG no goberno galego

“As políticas dirixidas á mocidade deben ser políticas integrais e transversais, desde todos os departamentos do Goberno Galego” sinala a cabeza de lista do BNG

Fronte ao modelo de precariedade e emigración do PP, Presas avanza que o goberno do BNG garantirá que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida en Ourense

Ourense, 9 de febreiro de 2024. Noa Presas, cabeza de lista do BNG por Ourense, mantén un encontro coa mocidade ourensá e chama a concentrar o voto na súa formación como única garante dun futuro próspero, con oportunidades e de futuro en Ourense. Presas avanza o impulso de medidas integrais e transversais, desde o Goberno Galego, para que a mocidade non teña que escoller co modelo promovido polo PP: ou precariedade ou emigración. Alén do máis, a cabeza de lista escoitou as inquedanzas da mocidade e completou o acto trasladando as primeiras medidas do BNG no executivo.

A cabeza de lista do BNG, Noa Presas, mantivo un encontro coa mocidade ourensá para presentar as principais liñas de actuación do BNG, a partir do 18F, para mellorar a calidade de vida das mozas e mozos ourensás. “Quince anos de goberno do PP na Xunta fixeron que as mozas e mozos de Galiza teñan que escoller entre a precariedade e a emigración, só un goberno do BNG pode darlle a volta a esta situación e garantir que poidamos desenvolver o noso proxecto de vida na nosa terra” afirma Presas.

 “Estas eleccións non van de ter máis lecer ou de ofrecer máis cultura, que tamén. Nestas eleccións xogámonos o presente e o futuro de Ourense. Xogámonos que poidamos seguir vivindo aquí cos mesmos dereitos sanitarios, co mesmo dereito a formarnos, cos mesmos dereitos laborais” subliña Presas. Neste sentido, Presas chama a concentrar o voto da mocidade ourensá no BNG por ser a única forza política que garantirá que a mocidade poida desenvolver o seu proxecto de vida na propia terra.

Políticas e medidas transversais para a mocidade galega

Presas defendeu que a política destinada á mocidade “ten que dar solución aos problemas da mocidade galega e garantir o seu futuro. Políticas que se executen desde todos os departamentos do goberno para garantir unha boa execución das mesmas, mellorando a vida das mozas e mozos de Galiza e, sobre todo, de Ourense”. Por iso, continúa Presas, as políticas destinadas á mocidade teñen que ser integrais e transversais: “desde o transporte, até o sistema educativo; desde os servizos públicos até o arranxo e o impulso das infraestruturas”.

No concreto, Presas avanza un estudo específico sobre a situación laboral da mocidade galega, que servirá como base para a elaboración dun Plan de Emprego Xuvenil que garanta a inserción laboral das mozas e mozos, rachando coa precariedade e a temporalidade laboral, ademais de poñer en marcha un plan de fomento e apoio para a creación cultural. En material laboral, destaca a cabeza de lista, o BNG executará un verdadeiro Plan Retorna, “que facilite a volta á casa da mocidade emigrada, xunto con medidas destinadas para reverter a situación de emigración forzosa que atravesa Galiza, facilitando o acceso a un traballo digno para as mozas e mozos, o aumento do investimento en I+D+i e o apoio aos sectores produtivos e industriais”.