O Psedg Psoe alerta que a Xunta ignora o potencial de politica social nos orzamentos

AVANTAR ACTIVIDADES

“Na situación máis excepcional da historia, os Orzamentos de Galicia infravaloran o potencial da Consellería de Política Social”. Así resumiu a portavoz de Política Social do Grupo Socialista, Marina Ortega, a súa oposición a unhas contas que apenas incrementan un 4,3 por cento a partida para a protección social de quen máis o necesita, mentres o incremento global sitúase no 13,32 por cento, lastrados ademais pola acción descoordinada dos departamentos da Xunta.

A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que poña en marcha un Plan de Rescate Integral “adaptado á crise e coordinado entre as consellerías”, e criticou que o goberno galego non está á altura das circunstancias tanto ao lastrar os orzamentos en protección social como nunha acción de goberno “descoordinada e que adoece de falla de traballo en equipo”.

Sinalou que nunha pandemia mundial “sen precedentes”, e cando “as persoas que o ano pasado colaboraban cos bancos de alimentos hoxe teñen que asumir o duro golpe de acudir como usuarios”, o goberno galego reduce o peso relativo da protección social. “Hoxe corroboramos –dixo- que ao darlle as costas a esta Consellería, a Xunta está a deixar na cuneta aos galegos e galegas damnificados pola crise”.

Marina Ortega afeoulle á conselleira que asumira unhas contas contra a lóxica do momento, que pedía a gritos un incremento por enriba do global. Pola contra, sinalou, o goberno galego prefire “retirar o servizo de axuda ao fogar extraordinario”, posto en marcha ao comezo da crise pandémica para apoiar nos coidados aos dependentes.

Criticou ademais o contraditorio do goberno galego no punto en que escasos días despois de ter presentado a Lei de Demografía no Parlamento presentan uns orzamentos “insuficientes para o rural e para a xuventude”. En lugar de loitar pola fixación de poboación no rural, o goberno galego reduce a partida correspondente un 10 por cento, así como as partidas para a xuventude e para o acceso á vivenda.

“Como é posible loitar polo reto demográfico se non afianzamos poboación no rural e non investimos en frear a emigración da xuventude?”, preguntou Ortega antes de criticar uns orzamentos que “abandonan á xuventude”, ademais de que “non aportan fiabilidade á cidadanía” e están lastrados pola súa “falla de coherencia”. Chamou a frear a sangría demográfica e a nova diáspora de máis de 50.000 mozos e mozas que marcharon fóra de Galicia nos últimos dez anos.

A parlamentaria socialista puxo como exemplo da falla de veracidade das contas da Xunta que teña anunciado e paralizado o Centro de Atención ás Persoas con Discapacidade de Ourense dende 2016, e só agora están comezando cos movementos de terras. O mesmo sucedeu, dixo, co bono extraordinario que supostamente ía apoiar a 36.000 familias e chegou a “pouco máis de 2.000”, mentres o Bono Concilia quedou á metade do estimado.

Recorte de recursos aos concellos

Marina Ortega acusou ao goberno galego de “recortar onde máis doe” ao recortar transferencias aos concellos, ratificando que “infravaloran as políticas sociais”. Sinalou que é precisamente nas administracións locais onde xurde a “esencia das políticas sociais”. Esixiu unha explicación “tendo en conta que gran parte das políticas sociais lévanse a cabo a través dos servizos sociais dos concellos, un eido fundamental nun momento de crise sen precedentes”.

A responsable socialista reclamoulle ao goberno galego que encete unha acción coordinada coas administracións locais igual que o goberno do Estado intenta coordinarse coa Xunta enviándolle máis de 1.100 millóns de euros “a maiores das transferencias ordinarias” e derivados da crise da covid-19, o soporte aos 90.000 autónomos ou os ERTEs para 650.000 persoas.

O goberno central, continuou, incrementou nun 50 por cento os recursos contra a pobreza infantil, incrementan o impulso ao emprego xuvenil, dixitalización e competitividade, reforzan o plan de vivenda e amplían o limiar de axudas ao alugueiro para a mocidade. Neste sentido, criticou o “recurte fulminante” das axudas á Dependencia polos gobernos do PP e reivindicou “dotar á Risga de ferramentas legais que garantan a compatibilidade co Ingreso Mínimo Vital”.

Comisión de Reactivación

Mentres, afeoulle á Xunta que faga caso omiso das múltiples voces que compareceron na Comisión de Reactivación creada no Parlamento e que fixeron un chamado desesperado para alertar da descoordinación entre as consellerías, que lastra gravemente a acción social da Xunta. Citou así á responsable de EAPN Galicia, que puxo o acento sobre a pobreza, a soidade non desexada ou o elevadísimo risco de pobreza infantil e xuvenil que require dunha acción “radical e inmediata”.

Marina Ortega resumiu a importancia “clave” da coordinación entre consellerías para afrontar con éxito a crise derivada da covid, e lamentou uns orzamentos que “reflictan o seu caos na redución do peso relativo en sanidade ou pensións asistenciais, reducindo as partidas para o asentamento da poboación no rural ou o apoio á xuventude.