Temos este venres 16 no Auditorio Municipal Manuel María Anatomía de una caída, para moitos a mellor película do ano. Dirixida pola directora francesa Justine Triet (nominada ao Oscar á mellor dirección) e protagonizada por Sandra Hüller (nominada ao Oscar á mellor actriz principal), cóntanos a historia de Sandra, unha escritora alemá, que vive co seu marido Samuele o seu fillo cego, Daniel, nun chalé en medio dos Alpes franceses. Cando Samuel falece en estrañas circunstancias, a investigación non pode determinar si se trata dun suicidio ou dun homicidio. Sandrá é arrestada e xulgada por asasinato, e o proceso pon a súa tumultuosa relación e a súa ambigua personalidade no punto de mira. Nominada a tres Oscar máis, entre eles o de Mellor película, gañou a Palma de Ouro no Festival de Cannes, o Goya á mellor película internacional, dous Globos de Ouro, cinco premios do Cine Europeo (mellor película, dirección, actriz principal, guión e montaxe). Un amplo recoñecemento que coincide coa crítica de público que encheu as salas onde se proxectou. Sen dúbida, un dos grandes acontecementos cinematográficos desta tempada. Os pases serán coma sempre ás 20:00 horas en versión dobrada ao castelán e ás 22:30 en vos.