O PSdeG-PSOE destaca en Vilardevós a aposta decidida do futuro presidente da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, polo rural e pola provincia de Ourense

O PSdeG-PSOE destaca en Vilardevós a aposta decidida do futuro presidente da Xunta de Galicia, José Ramón Gómez Besteiro, polo rural e pola provincia de Ourense. Os e as socialistas salientan que a partir do 18 de febreiro, cun goberno galego encabezado polos socialistas, “remataremos con 14 anos de maltrato, desleixo, abandono e marxinación do Partido Popular, con Feijóo e Rueda á cabeza, á provincia de Ourense”.

O PSdeG-PSOE de Ourense vén de celebrar un encontro coa veciñanza en Vilardevós, no que participaron a candidata ao Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; o candidato ao Parlamento, Nacho Gómez; e a alcaldesa de Vilardevós, Eva Pérez Gamote. O acto, que contou coa presenza de ducias e ducias de veciños e veciñas, serviulle os e as socialistas para trasladarlle á veciñanza de Vilardevós o proxecto que Besteiro ten para o municipio, a comarca e a provincia.

AVANTAR ACTIVIDADES

Carmen Rodríguez Dacosta afirmou que este 18 de febreiro “imos rematar con 14 anos de gobernos do Partido Popular, que supuxeron un drama para a provincia de Ourense, co desmantelamento de servizos esenciais por todas partes e cunha marxinación nunca antes vista”. A candidata socialista puxo tamén o foco na necesidade de “impulsar o rural e apostar polo reequilibrio territorial na Galicia interior, e especialmente en Ourense, exemplo das políticas de desleixo e abandono do Partido Popular”.

“Chegou o momento do cambio, de dicirlle á cidadanía de Vilardevós e da provincia que desta vai, que imos conseguir botar a Rueda do goberno da Xunta e de comezar a reconstruír todo o que o PP destruíu ao longo destes anos”, afirmou Rodríguez Dacosta. A cabeza de lista dos e das socialistas ourensás tamén puxo de manifesto que o rural “será o buque insignia das políticas socialistas ao fronte da Xunta, recuperando servizos, impulsando os municipios e transformando por completo a nosa provincia”.

Pola súa banda, Nacho Gómez Pérez afirmou que en Galicia “temos un candidato do Partido Popular ausente e que escapa dos debates e da veciñanza” e sinalou que o PP “trata de tapar a súa nefasta xestión ao fronte da Xunta de Galicia, escondéndose a hora de contrapoñer propostas, o que demostra que Rueda non ten proxecto para Ourense, nin para Galicia”. O número 2 da candidatura socialista tamén apuntou que o rural da provincia “é o exemplo das políticas destrutivas do PP, que en 14 anos desmantelaron e recortaron a destro e sinistro, deixando os servizos públicos completamente aniquilados”.

O número 2 da candidatura do PSdeG-PSOE de Ourense aproveitou a súa intervención para afirmar que este 18 de febreiro “a cidadanía falará alto e claro nas urnas, votando masivamente polo progreso e o futuro desta terra”. Un progreso que en palabras de Gómez Pérez “pasa por coller a papeleta do PSdeG para que José Ramón Gómez Besteiro sexa o próximo presidente da Xunta de Galicia e se abra un tempo de esperanza, ilusión, traballo e futuro para Vilardevós, Ourense e as súas xentes”.

A alcaldesa de Vilardevós, a socialista, Eva Pérez Gamote, afirmou que “si a Xunta cambia, Vilardevós avanza, como leva avanzando a nivel municipal dende o mes de xuño cando tomamos posesión do goberno municipal”. A rexedora puxo o foco nas “mentiras” do PP, pondo como exemplo a residencia de maiores prometida a cambio dun terreo, que segundo explica “custoulles un diñeiral para ter tan só 8 prazas de xestión municipal que teñen que pagar entre os usuarios e o concello, o que supón un custe de 140.000 euros ao ano, namentres a Xunta non paga un só euro”.

“O PP é experto en campañas electorais baseadas na manipulación e no engano”, afirmou Pérez Gamote, antes de sinalar que “namentres a Xunta abandona a súa sorte aos concellos, os alcaldes e alcaldesas socialistas traballamos por mellorar a calidade de vida da veciñanza, sen o apoio do goberno autonómico, pero conseguindo importantes melloras no día a día dos nosos veciños e das nosas veciñas”.