A Deputación reforza o seu compromiso co polígono de San Cibrao colaborando coa Xunta nunha área de estacionamento segura e protexida

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

A Deputación de Ourense e a Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade e da Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade, colaboran coa Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas para construír unha Área de Estacionamento Segura e Protexida (AESP) con perspectiva de xénero.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

O presidente provincial, Luis Menor asinou hoxe o convenio de colaboración co presidente da Xunta de Galicia en funcións, Alfonso Rueda; e co presidente da Asociación de Empresarios do Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas, José Antonio Rodríguez, para a execución desta nova infraestrutura. No acto, que tivo lugar na parcela da Central de Transportes do Polígono de San Cibrao das Viñas, estiveron acompañados pola conselleira de Infraestruturas e Mobilidade en funcións, Ethel Vázquez; a conselleira de Promoción do Emprego e Igualdade en funcións, Elena Rivo; a alcaldesa do Concello de San Cibrao das Viñas e vicepresidenta primeira da Deputación, Marta Nóvoa; e por representantes de asociacións empresariais da provincia.

Trala sinatura do convenio, Luis Menor reivindicou o seu compromiso de impulsar o desenvolvemento das áreas industriais con iniciativas como esta que fan “atractivo o asentamento de empresas, ademais doutros factores, cómpre ter en conta os servizos que ofrecen as áreas industriais a todos os sectores e subsectores que realizan a súa actividade nestas áreas”.

A posta en marcha desta área de estacionamento segura e protexida na provincia de Ourense contribuirá a “ofrecer un mellor servizo aos profesionais do transporte de mercadorías, co engadido da perspectiva de xénero a través de servizos especialmente destinados ás mulleres, un aspecto que axudará a rachar coa visión dun sector fortemente masculinizado”, salientou o presidente provincial.

O Polígono Industrial de San Cibrao das Viñas rexistra un movemento anual de mercadorías superior aos tres millóns de toneladas converténdose no principal polo da provincia e un dos maiores de Galicia. Pero, esta iniciativa permitirá dar servizo tamén -tal e como dixo Luis Menor- a outras dúas áreas empresariais: o parque de O Pereiro de Aguiar e ao Polígono Barreiros, ademais de cubrir as necesidades que teñen nesta materia os profesionais do transporte que cheguen ao Parque Tecnolóxico de Galicia.

Maior seguridade para transportistas e  mercadorías

A área de estacionamento contará cun peche perimetral, ofrecerá 59 prazas de aparcamento e incluirá todas as medidas necesarias para garantir a seguridade dos usuarios, especialmente, das mulleres condutoras para evitar calquera forma de violencia contra elas, identificando e eliminando posibles “puntos negros”. O investimento total desta nova infraestrutura ascende aos 500.000 euros, que serán financiados ao 40% (200.000 euros) pola Deputación de Ourense e ao 30% (150.000 euros) por cada Consellería implicada.

A posta en marcha desta área de estacionamento destinada a usuarios comerciais contribuirá á seguridade dos condutores e das mercancías e a mellorar as condicións de descanso dos condutores aportando seguridade a traballadores e mercadorías. Ademais, estas instalacións favorecen o relevo xeracional na profesión e a incorporación da muller a un colectivo fortemente masculinizado.