O BNG reivindica un 8M no que é preciso “frear os retrocesos que intenta impoñer a dereita, é tempo de avanzar e queremos para todas, todo”

Baixo o lema “tempo de avanzar! Para todas, todo”, o BNG súmase aos actos reivindicativos deste venres día 8 de marzo no que se conmemora o día da muller. A Deputada nacionalista Noa Presas sinala que “Este é o lema da campaña do BNG coa que queremos facer un recoñecemento da importancia desta data e da loita feminista e tamén facer un chamamento a ser ambiciosas como sociedade e avanzar, porque hoxe a desigualdade é unha realidade e non podemos conformarnos”.

“Desde o BNG vemos este 8M con orgullo. Orgullo de todas as loitas de miles de mulleres que nos levaron ata aquí, que loitaron polo dereito ao voto, polo dereito ao aborto e os dereitos sexuais e reprodutivos, que loitan a favor da conciliación, que loitan contra a violencia machista para que sexamos máis libres e iguais”.

AVANTAR ACTIVIDADES

No BNG destacan que a propia celebración do 8M “é motivo de orgullo, porque o feminismo hoxe é forte e é un motor de avance social e un dique de contención ás posicións retrógradas e machistas da dereita e da extrema dereita. Mais o certo é tamén que cada 8M debe ser para a sociedade e para as institucións un momento de reflexión. Reflexión sobre en que aspectos estamos fallando e que medidas temos que tomar para avanzar cara a igualdade”.

As nacionalistas entenden preciso reivindicar avances en ámbitos como o laboral, o educativo ou o deportivo xa que, segundo sinala Noa Presas, “cómpre aprender dos problemas que vemos no día a día, problemas que denuncian milleiros de mulleres e que requiren de medidas urxentes e reais”.

“Esiximos unha auditoría sobre a situación das mulleres nas contratacións públicas sufragadas total ou parcialmente por parte da Xunta de Galiza de cara a blindar o cumprimento dos convenios colectivos, eliminar a fenda salarial e mellorar as condicións de traballo, singularmente en ámbitos especialmente sensibles como é o da limpeza”.

No tocante ao ensino, o BNG incide na necesidade de acadar a igualdade no mesmo recuperando a oferta da materia de igualdade eliminada no curso 2023-2024 así como o impulso dunha Lei de igualdade no deporte na que se incorporen protocolos e medidas ante os ataques machistas e LGBTfóbicos alén de “fomentar a coeducación, a conciliación e a visibilidade do deporte feminino”.

A Deputada Noa Presas destaca que neste último ano “vimos como as traballadoras da limpeza facían unha folga histórica para deixar de cobrar por debaixo do salario mínimo, vimos como as mulleres deportistas uníanse contra o machismo, vimos como cada vez máis mulleres denuncian a violencia sexual e a impunidade ou mesmo como o ensino respondía ao recorte da Xunta en materia de igualdade”.

Para Presas, “este 8M é tempo de avanzar. Sen escusas, sen escatimar orzamentos, sen deixar ningunha atrás. É tempo de cambios no mundo e este 8M facemos un chamamento a participar das reivindicacións e mobilizacións e tamén a ser esixentes coas institucións. Queremos para todas, todo e querémolo xa”.