A formación de Espazo Común criticou a través da seguinte nota o seu descontento tralo acontecido no pleno da pasada semana. Aseguran que o goberno local quería aprobar unha serie de facturas, entre as que se topaba o recoñecemento médico do persoal municipal, por servizos que non foron realizados.
“O grao de descomposición administrativa e funcional ao que está a chegar o Concello do Carballiño é moito máis ca grave.
Case tódalas semanas temos que ver algún “espectáculo” e a maioría dos veciños queixase con toda a razón da falla de persoal, do precario dos servizos, da lentitude con que se resolve todo.
Fumega está a lograr desmantelar completamente a entidade municipal e só semella preocuparse por sacar adiante contratacións de obras e máis obras, moitas delas con resultados posteriores desastrosos, pero iso non parece frear ao autoproclamado “Rei do asfalto”.
No pleno que tivo lugar o pasado día 7 de marzo tivemos que asistir a un exemplo máis do antedito: nunha proposta do alcalde para o pagamento dunha serie de facturas ía incluída unha dunha empresa de prevención por 1.484,88 €.
O surrealista foi que no informe do interventor lemos que: “segundo se informa verbalmente por parte do anterior concelleiro responsable da área este gasto correspóndese coa cota fixa a facturar coa contratación dos recoñecementos médicos do persoal municipal. A esta intervención non lle consta que no ano 2023 se houbesen realizado recoñecementos médicos, pero segundo nos informa o concelleiro citado, esta entidade comprométese a non facturación desta cota no ano en curso, levando a cabo ditos recoñecementos antes da finalización do contrato este ano”.
Ou sexa, que a intención era pagar por uns servizos non prestados e despois xa iremos vendo.
Unha barbaridade a nivel administrativo e unha praxis lamentable á hora de xestionar os cartos dos veciños do Carballiño.
A proposta do noso voceiro Adolfo Nogueira de retirar dita factura do expediente foi respaldada por tódolos partidos da oposición ante o que o alcalde tivo que rectificar.
É incomprensible xa só o feito de que estivera no expediente pero tristemente xa nada do que poida pasar neste Concello sorprende a ninguén. Desastre tras desastre”.