A Federación Galega de Automobilismo (FGA) celebrou este martes 30 de maio no
CIFP A Xunqueira de Pontevedra a segunda parada do programa “FGA nas Aulas”,
que procura aportar aos alumnos da Formación Profesional unha visión clara sobre as
alternativas profesionais dentro do mundo da competición automobilística.
Nesta segunda quenda de charlas os invitados foron Alberto Meira (Campión Galego
de Rallyes e Subcampión de España); Jorge Pérez Oliveira (Subcampión da Copa de
España de Rallyes de Asfalto); Álvaro Castro Laíño (participante no Volante FGA);
Miguel Álvarez (Presidente da Escuderia Pontevedra 1984) e Nando Adán (Vocal da
FGA), que expuxeron a súa experiencia ante os máis de 100 asistentes no auditorio do
centro.
Os temas tratados foron dende os comezos no mundo da competición, un pequeno
resumo do que vai de tempada e incluso as necesidades que teñen de persoal
especializado para as súas empresas e equipos de competición.
Despois do acto, os estudantes e invitados sairon ao exterior do recinto, onde estiveron
expostos o Opel Adam R2 de Racing Stage Services, o Fórmula de Alexis Vieitez,
becado pola FGA en Rallyes, o Citroën Saxo de Álvaro Castro Laíño e o Peugeot 106
de Joaquín Pérez. Nesta parte, os pilotos explicaron os pormenores dos vehículos aos
alumnos, que non deixaron de facer fotografías de recordo.
En total foron case dúas horas de actividade e convivencia para achegar o mundo da
competición aos estudantes, nun programa que visitará Lugo e Ourense nos meses
vindeiros.
Inicio Actualidade Máis de 100 alumnos de formación profesional estiveron presentes na segunda parada...