Desde o Grupo municipal nacionalista entenden que son dous debates de enorme relevancia polo que pídenlle ao Goberno Local “toda a información posíbel para avaliar con calma e rigor as propostas formuladas”
Esta mañá celebrouse no Concello de Ourense unha Xunta de Portavoces convocada polo Alcalde para abordar dúas cuestións que para o BNG “son de moita relevancia e que cómpre avaliar polo miúdo”. O Portavoz nacionalista Luís Seara, lamentou en primeiro lugar as formas da convocatoria xa que, segundo afirma, “convocousenos onte por whatsApp a unha reunión pero sen coñecemento previo da orde do día e dos asuntos dos que se ía falar. Fomos a cegas, o cal xa indica o grao de disparate no que está instalado este Concello”.
No tocante aos asuntos finalmente trasladados pola Alcaldía e abordado polos Portavoces dos diferentes Grupos municipais, foron, por un lado, a supresión do servizo do estacionamento regulado nas rúas da cidade (ORA) e por outro, o desprendemento por parte do Concello de Ourense do paquete accionarial que a día de hoxe mantén na SAD do Club Ourense Baloncesto.
Luís Seara, Portavoz do BNG entende que no relativo á posible supresión da ORA, “é unha cuestión importante que ten efectos sobre a mobilidade do conxunto da cidade e que polo tanto teremos que avaliar colectivamente no seo da organización como facemos sempre”.
No referido ao paquete accionarial que o Concello mantén a día de hoxe no COB, o 16%, Seara afirma que “nós entendemos que se do que se trata é de desprenderse do paquete accionarial, haberá que facelo tamén na outra SAD na que o Concello tamén ten accións como é o Ourense CF”, e engade, “en todo caso é outra das cuestións que teremos que avaliar antes de fixar posición”.