Luis Menor puxo en valor “o gran traballo” que se realiza na provincia a prol deste sector que, ao contrario do que acontece no resto de territorios españois, “conta con máis de 60 empresas dedicadas aos servizos funerarios”
O presidente provincial, Luis Menor, participou hoxe na inauguración desta feira que congrega desde hoxe ao 18 de maio, a empresas punteiras e asociacións de profesionais do sector en Ourense, para presentar as últimas novidades e tendencias en produtos e servizos funerarios
O presidente da Deputación de Ourense, Luis Menor, participou hoxe na inauguración da 12ª edición da Feira Internacional de Produtos e Servizos Funerarios, Funergal, que congrega desde hoxe ao 18 de maio, ás empresas punteiras e ás asociacións de profesionais do sector en Ourense para presentar as últimas novidades e tendencias en produtos e servizos funerarios.
A Deputación de Ourense colabora con Funergal que é a única feira internacional do sector funerario celebrada na Península Ibérica que este ano reunirá a 55 expositores procedentes de un total de 8 países (China, España, Francia, Italia, México, Países Baixos, Polonia e Portugal).
Luis Menor puxo en valor “o gran traballo” que se realiza na provincia a prol deste sector que, ao contrario do que acontece no resto de territorios españois, “conta con máis de 60 empresas dedicadas aos servizos funerarios”. Ademais, nesta edición de Funergal, “Ourense volverá a estar altamente representada por varios fabricantes de ataúdes ourensáns, ademais de outras empresas vinculadas ao ámbito funerario”, lembrou o presidente provincial.
Trátase ademais da segunda edición de Funergal con Alta Velocidade, situando a Ourense a tan só dúas horas e 15 minutos de Madrid en AVE, unha cidade conectada con vó directo con 66 países. “Somos, polo tanto, un dos territorios mellor conectados da Península, e esta vantaxe competitiva verase tamén no número de visitantes nacionais e internacionais que se acheguen a Expourense estes días”, auguraba Menor.
Así mesmo, o presidente provincial recoñeceu a importancia que ten Expourense na dinamización económica de Galicia e de Ourense e que “amosa ao longo do ano organizando diversos eventos que permiten promocionar as potencialidades do territorio ourensán”.