Villarino, Martín, Dacosta e Alonso mantiveron un encontro no Barco con alcaldes, concelleiros e concelleiras da comarca para escoitar as súas reclamacións e suxestións e dar traslado das mesmas aos gobernos nacional, autonómico e provincial
As e os socialistas destacan a importancia de apostar por infraestruturas “claves para o desenvolvemento comarcal”, por unha sanidade “digna e de calidade” e por mellorar a mobilidade
O PSdeG-PSOE de Ourense continúa percorrendo as comarcas da provincia para manter encontros de traballo cos representantes comarcais socialistas e escoitar, deste xeito, as inquedanzas dos distintos municipios e recoller aquelas suxestións e reclamacións que teñen para trasladarllas aos diferentes gobernos. Desta vez as e os socialistas desprazáronse ata a bisbarra de Valdeorras, onde destacaron a importancia de apostar por infraestruturas “claves para o desenvolvemento comarcal”, por unha sanidade “digna e de calidade” e por potenciar e mellorar a mobilidade.
No encontro, celebrado na sede comarcal do PSdeG-PSOE participaron o senador e secretario xeral do PSOE ourensán, Rafael Rodríguez Villarino; a deputada no Congreso, Marga Martín Rodríguez; a deputada no Parlamento de Galicia, Carmen Rodríguez Dacosta; e o deputado provincial, Aurentino Alonso. Os cargos orgánicos reuníronse co alcalde do Barco, Alfredo García Rodríguez; co alcalde de Vilamartín de Valdeorras, Enrique Álvarez Barreiro; co alcalde do Bolo, Alberto Vázquez; e con concelleiros e concelleiras dos diferentes municipios que conforman a comarca de Valdeorras.
Dende o PSdeG-PSOE de Ourense subliñan da necesidade de “seguir traballando para impulsar novas infraestruturas que melloren a mobilidade nunha comarca que precisa de importantes investimentos neste senso”. Os e as socialistas puxeron en valor os investimentos que o Goberno do Estado está levando a cabo en obras de importancia como a circunvalación do Barco e trasladaron a necesidade de traballar para impulsar a futura A-76 e novas melloras na N-120. Con respecto a esta estrada, os cargos socialistas trasladaron as últimas novas ao respecto coa aprobación do trazado para a ampliación de carrís de adiantamento entre Ourense e Peares ou os investimentos destinados a mellorar o firme.
Durante o encontro tamén se tratou o tema sanitario, dependente da Xunta de Galicia. Os e as socialistas afirman que a comarca de Valdeorras “precisa duns servizos sanitarios dignos e de calidade, que pasan por contar cun Hospital Comarcal que sexa un referente na atención á cidadanía e pola construción de novas infraestruturas, como o prometido novo centro de saúde da Rúa”. Outra das grandes eivas que a comarca reclama ao goberno autonómico “son melloras no transporte de viaxeiros por estrada, xa que consideran insuficiente a actual oferta”. Tamén puxeron o foco na prevención de lumes lembrando os incendios de 2022 tralos que a Xunta “prometeu máis limpezas, estudos para repoboar as zonas afectadas e investimentos que a día de hoxe quedaron nun caixón”. Outra das reclamacións históricas ao goberno galego céntranse nas melloras na OU-533 que comunica Valdeorras coa Gudiña e que potenciaría a conexión co AVE.
Os representantes do PSdeG-PSOE de Ourense nas diferentes institucións tomaron boa nota das suxestións, peticións e reclamacións dos diferentes municipios da comarca e darán traslado das mesmas aos gobernos nacional, autonómico e provincial para tentar solucionar os problemas e potenciar as infraestruturas clave.
O PSdeG-PSOE de Ourense destaca que o obxectivo principal destas reunións e “traballar sobre o territorio para desenvolver un proxecto socialista bisbarra a bisbarra, que permita construír un plan de futuro para a provincia”. Os e as socialistas tamén apuntan a que “seguiremos percorrendo a provincia comarca a comarca para escoitar as inquedanzas dos municipios e dar traslado aos gobernos nacional e autonómico das diferentes demandas que teñen”.