Premios D.O. Ribeiro para a sumiller Silvia García Guijarro e o Grupo Gourmets

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO
  • A Head Sommelier do Hotel Mandarian Oriental Ritz, que está entre os vinte primeiros ‘Top 100’ de España, recibirá o galardón ‘Muller e Viño’
  • O grupo editorial fundado en 1976 e pioneiro na temática de viaxes, viños e gastronomía de España, será distinguido co de ‘Mellor Tarefa de Comunicación’
  • A gala celebrarase o día 27 baixo o lema ‘Ribeiro: Brindando futuro’

Ourense, 13 de xuño de 2024. A coñecida sumiller segoviana Silvia García Seixo e o Grupo Gourmets, dedicado á divulgación da gastronomía e a máis veterana entre as publicacións especializadas do sector vitivinícola, serán distinguidos este ano cos Premios D.O. Ribeiro nas categorías ‘Muller e Viño’ e ‘Mellor Tarefa de Comunicación’, respectivamente, outorgados polo Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro, que preside Concha Iglesias, para recoñecer o seu labor a favor da difusión destes viños. Ambos os galardóns serán entregados no transcurso dunha gala que se celebrará baixo o lema Ribeiro: Brindando futuro o próximo día 27 de xuño, ás 19.00 horas, na localidade ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, e na que o xornalista Fernando Ónega recollerá tamén o seu Premio Persoeiro de Honra 2024.

MULLER E VIÑO. Silvia García Seixo, Head Sommelier do Hotel Mandarin Oriental Ritz, chegou á sumillería un pouco por casualidade, pero quedou namorada desta profesión que lle levou a traballar en templos da gastronomía como o Urban, Kabuki ou Mugaritz e a ser considerada unha das mellores profesionais da sumillería deste país.

Formada en Marbella e Madrid, Silvia García Seixo é actualmente Head Sommelier do Hotel Mandarin Oriental Ritz e forma parte dos vinte mellores da lista dos Top 100 Sommeliers en España, que recoñece a profesionalidade dos sumilleres e promove o desenvolvemento de novos talentos na industria, ademais de ser xa distinguida no seu día por a Revista Metrópoli como Mellor Sumiller en 2012 e nomeada ao Premio Nacional de Gastronomía en 2016, entre outras distincións.

Este ano, o Consello Regulador da Denominación de Orixe Ribeiro tamén quixo premiar a súa contribución ao mundo da hostalería destacándoa como unha gran profesional altamente cualificada que se fixo un nome propio a base de esforzo e constancia.

A Silvia García Seixo antecédenlle neste recoñecemento da D.O. Ribeiro Mayte Santa Cecilia, Mónica Fernández, Sonia Prince de Galimberti, Isabel Mijares, Esther Daporta, Almudena Alberca, Pilar Cavero e María José Huertas, que actualmente encabeza a lista dos Top 100 Sommeliers de España.

MELLOR TAREFA DE COMUNICACIÓN. Por outra banda, e como xa vén sendo habitual, o Consello Regulador tamén quixo recoñecer o labor das publicacións que axudan a difundir as excelencias dos viños do Ribeiro. Así, nesta ocasión o Premio Mellor Tarefa de Comunicación recaeu no Grupo Gourmets, unha empresa editorial fundada en 1976 e pioneira na temática de viaxes, viños e gastronomía de España, que ten a súa orixe na revista mensual Club de Gourmets, á que seguirían sucesivas convocatorias de Mesas Redondas Gourmets (1976-2018), foros de debate con profesionais e líderes de opinión ao redor dos temas de actualidade enogastronómica, e diversos servizos como a Guía Viños Gourmets, o Club de Viños ou a xestión da Alacena Gourmets, sendo a máis veterana entre as publicacións especializadas do sector vitivinícola, brindando ao lector a posibilidade de penetrarse no mundo dos viños, adegas, tendas especializadas, zonas vinícolas etc.

Consolidado como un referente no ámbito da gastronomía, nacional e foránea, en 1987 abriu o primeiro Salón Gourmets, unha Feira Internacional de Alimentación e Bebidas de Calidade, coa que iniciou a súa singradura como operador privado de feiras, e que na súa 37 edición, celebrada o pasado mes de abril, contou coa participación de 1.980 expositores, con 50.000 produtos, 1.500 novidades, e a presenza de 106.923 profesionais.

O Grupo Gourmets, que preside Francisco López López-Bago, súmase á lista de premiados en anteriores convocatorias como O Agro-Labranza, da Televisión de Galicia; os xornalistas Víctor da Serna e Joan Gómez Pallarés; Salvador Manjón, director da Semana Vitivinícola; Francisco J. Gil, director do programa Cousas para comer; o xornal dixital Campo Galego, o suplemento Hum! e a revista La Alacena Roja.

XIII GALA DO RIBEIRO. A gala do Ribeiro celebrarase o 27 de xuño, ás 19.00 horas no restaurante A Carballeira de Santa Cruz, na localidade ourensá de Santa Cruz de Arrabaldo, coa entrega de premios a diferentes iniciativas e profesionais, así como aos viños gañadores da Cata Oficial. Entre a premiados figura este ano o xornalista Fernando Ónega, distinguido como ‘Persoeiro de Honra’, e en datas próximas coñecerase o nome dos galardoados cos premios O Ribeiro en Nós, Vida entre Vides, Mellor Servizo en Restaurante, Mellor Vinoteca-Tenda Especializada, e Mellor Taberna-Bar de Viños.