A primeira fin de semana aposta por espectáculos para público familiar, infantil, adolescente a adulto, arredor de danza, o circo e as artes híbridas. Grandes referentes de mulleres creadoras coma Marta Pazos, a brasileira Alice Ripoll ou a recoñecida coreógrafa de series coma La Mesías, Belén Martí Lluch. Espectáculos na rúa como Treboada e Peixe falarannos de ecoloxismo ou a saturación turística en lugares como Mallorca. A sesión golfa de Ibuprofeno, dun xeito cómico levaranos pola desmitificación do amor romántico e o Karaoke. Zona Franca presentará un potente espectáculo de danzas urbanas e danzas brasileiras para trazar unha paisaxe crítica das políticas populistas de Bolsonaro e as súas consecuencias na exclusión social, tras o seu exitoso paso por Amsterdam e Barcelona. O premiado espectáculo da compañía de Lucas Escobedo ofrecerá con Paüra un sorprendente e humorístico percorrido polos medos que nos rodean, con música en directo. Un programa de luxo para unha primeira fin de semana do festival máis popular, vangardista e vivo do panorama galego e ibérico no verán.
A inauguración será o venres 19 ás 20h00 na Igrexa da Madalena e contará coa intervención de representantes do Concello, da Deputación, da Xunta de Galicia e do Goberno de España, así como do Director Artístico da MIT. Tamén na fin de semana comezarán as actividades paralelas coma os foros, un coloquio de mulleres creadoras, un acto da Academia Galega de Teatro, presentacións de libros ou a programación expandida das Residencias Paraíso.
Esta edición de 2024, conta con espectáculos galegos, do resto do Estado e de diferentes países internacionais como Brasil, Arxentina, Francia ou Chile. Un total de 21 espectáculos, tres cursos de formación escénica, unha exposición e máis de 10 actividades paralelas converten a Ribadavia nun concentrado foro escénico de 9 intensos días de artistas de primeiro nivel e traballos de alta calidade. Con máis de 40 anos de historia, a MIT está quizais nun dos seus mellores momentos, cunha conexión forte co público e unha defensa esencial do territorio.