O anuncio da activación dunha partida económica para a Ribeira Sacra suscita dúbidas no sector sobor da súa concreción real
Segundo a información dispoñíbel, as viticultoras non recibirán ningunha axuda até o ano 2025, que facemos ca actual vendima?
Chantada, 03 de Setembro2024. Logo de meses tentando abordar ca Consellaría do Medio Rural a situación da Ribeira Sacra, con problemas de xestión de excedentes dende o ano 2020, onte o Goberno autonómico anunciou que vai destinar 2 millóns de euros a unha nova liña de axudas para a conservación da contorna paisaxística e a loita contra a erosión nos viñedos, unha proclama que dende o Sindicato Labrego Galego-Comisións Labregas (SLG-CCLL) acollemos con precaución -e certo grao de escepticismo- mais, sobre todo, con moitas dúbidas.
Se non hai COMPROMISO DE RECOLLIDA, esta axuda que lles solucionaría ás 2.134 persoas viticultoras da Ribeira Sacra?
Que se vai facer coa uva que queda SEN VENDIMAR?
Os ECORREXIMES poden valer para as adegas, pero na Ribeira Sacra é raro que unha persoa produtora chegue ás 4has, e recibiría un máximo de 165,17 euros por cada unha.
Para que sirve a DESTILACIÓN DE CRISE se as adegas seguen comunicando que non recollen? A Consellería manifestou que está dende hai meses tratando este tema, polo que entendemos que tamén deberíamos saber xa que volume e que adegas van acollerse ás axudas de destilación.
As AXUDAS para viticultoras/es van ser para quen vendeu uva tamén?
Podería unha grande adega deixar de recoller a uva ás viticultoras/es, transformar a súa uva e recibir polos seus viñedos propios a axuda?
Ademais, cales van ser exactamente os IMPORTES? Os custos de produción da Ribeira Sacra triplican os do Estado español, polo que de entrada semellan uns importes moi baixos pola superficie media que teñen os viticultores. Por outra banda, a publicación da Orde será cara final de ano, pero as persoas viticultoras levan facendo os gastos todo o ano e moitas poden quedar sen ingresos. Se nin sequera se van coñecer as condicións para acceder ás mesmas ata o mes de decembro, moito máis tardarán en cobralas, polo que a falta de viabilidade do proxecto produtivo pode levar ao peche.
Segundo datos da propia Consellaría, dentro da DO Ribeira Sacra están inscritas 1.310 hectáreas, 12.120 parcelas, 2.134 viticultores e 98 adegas. A medida imprescindíbel axeitada a toda a estrutura do sector é o compromiso de recollida da uva e prezo.
Solicitamos por parte do Sindicato Labrego Galego unha xuntanza ca Consellaría do Medio Rural a fin de poder aclarar as dúbidas suscitadas polo anuncio realizado no día de onte, así como información máis detallada sobre a estratexia de actuación no seu conxunto.
Instamos asemade á CMR á convocatoria dunha Mesa do Viño con representación das organizacións sindicais, onde podamos elaborar un plan integral de actuación para o sector vitivinícola galego que aborde as necesidades máis inminentes pero tamén actuacións a longo prazo.