A terceira edición de OUR FEST xa está ao virar a esquina. Este sábado 14 de setembro, Expourense abrirá as súas portas para unha xornada repleta do mellor pop rock alternativo. Un festival que en tan só tres anos, logrou posicionarse como un referente da escena musical nacional, e este 2024 non será diferente, cun cartel que promete emocións fortes grazas á presenza de artistas como Jake Bugg, Miles Kane e Yard Act, que actuarán por primeira vez en Galicia, xunto a grandes nomes como Teenage Fanclub, Los Enemigos e Caballo Prieto Azabache.
Esta mañá celebrouse a rolda de prensa do evento en Expourense, onde participaron Xosé Manuel Merelles, Director de Turismo de Galicia; César Fernández, Vicepresidente segundo da Deputación de Ourense e Deputado de Cultura; Aníbal Pereira, Tenente de alcalde do Concello de Ourense; e David Jiménez-Zumalacárregui, director artístico do festival. Unha presentación na que se destacou a relevancia do festival non só como evento musical, senón como un verdadeiro motor cultural e turístico para a rexión.

O director xerente de Expourense, Rogelio Martínez, foi o encargado da introducción.
César Fernández, vicepresidente da Deputación, loubou o cartel do festival.
O representante do Concello, Aníbal Pereira, destacou o papel das institucións nestas iniciativas.
Rematou o turno de intervencións Xosé Manuel Merelles.
As entradas para a terceira edición de OUR FEST, que comezará en Expourense ás 17,30 horas do sábado, están á venda a través de ourfest.gal e ataquilla.com a un prezo de 40€ (+ gastos de xestión).