O BNG demanda o aumento do cadro de persoal no Xulgado de Celanova

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Iago Tabarés “O cadro de persoal permanece invariábel dende hai anos a pesares do notable incremento da entrada de asuntos que malia o esforzo das traballadoras, reflectido no medre dos asuntos resoltos, a pendencia multiplicouse por tres”

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

Celanova, 16 de setembro de 2024.  Iago Tabarés, deputado do BNG no Parlamento de Galiza, ven de presentar por rexistro do Parlamento unha iniciativa na que demanda da Xunta de Galiza o incremento do cadro de persoal no Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Celanova, e con carácter inmediato, a dotar o Xulgado con persoal de reforzo no corpo de auxilio xudicial e no de tramitación procesual.

Iago Tabarés sinalaba que procede de forma inmediata adoptar medidas de reforzo, xa demandadas polo propio Consello Xeral do Poder Xudicial tras a inspección realizada no ano 2022,  que permitan a tramitación ordinaria dos asuntos e eviten a crecente demora na resolución dos procedementos que se tramitan no Xulgado de Celanova, sen prexuízo da saúde, física e mental das traballadoras actualmente sometidas a un estrés continuo derivado de ter que atender un crecente número de expedientes cos mesmos recursos.

O cadro de persoal permanece invariábel dende hai anos a pesares do notable incremento da entrada de asuntos,  sinalizaba o deputado nacionalista, que continuou declarando que se pasou na orde civil dos 288 de 2017 aos 473 do 2023, o que malia o esforzo das traballadoras, reflectido no medre dos asuntos resoltos, a pendencia neste período multiplicouse por tres. Incremento do número de asuntos pendentes que non só se produciu na orde civil, pois na sección penal foi tamén dun 54%, e o número de executorias en tramitación tamén medrou en máis dun 50%.
Así pois, os datos contidos nas estatísticas do Consello Xeral do Poder Xudicial evidencian que o incremento da pendencia non é algo puntual deste exercicio, senón que se debe a un déficit estrutural do cadro de persoal e a súa falla de adecuación ao aumento da carga de traballo e das reformas lexislativas e procesuais habidas, sendo necesario ampliar o actual cadro de persoal.

O Xulgado de Primeira Instancia e Instrución de Celanova único no partido xudicial que abrangue os concellos de A Bola, Cartelle, Celanova, Gomesende, A Merca, Quintela de Leirado e Ramirás esta atendido, ademais do persoal dependente da administración do Estado, por dúas funcionarias do corpo de xestión procesual, dúas do de xestión procesual e unha única persoal do corpo de auxilio xudicial, encargada esta última non só de asistir a sala un ou dous dias por semana, senón tamén das citacións e notificacións propias dos procedementos xudiciais, e tamén do Rexistro Civil.

Como consecuencia desta infradotación de persoal e segundo os datos publicado polo Consello Xeral do Poder Xudicial correspondentes ao pasado exercicio 2023, o número de asuntos pendentes na sección civil incrementouse nun 28%, na sección penal o incremento dos procedementos en tramitación medrou nun 41% e nunha materia tan delicada e sensible como é a violencia sobre a muller o aumento foi superior ao 100%. Actualmente e como teñen denunciado distintas organización sindicais o número de asuntos pendentes de resolver en materia de “Memoria Histórica” é de 610 o que de facto está provocar o colapso da oficina xudicial.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------