A Garda Civil de Ourense organiza a I Carreira Solidaria en apoio á Asociación Por Eles TEA

II EDICIÓN COCHES CLÁSICOS NO IRIXO

Ourense, 3 de outubro de 2024. – A Subdelegación do Goberno en Ourense acolleu esta mañá a presentación da I Carreira Solidaria en apoio á Asociación Por Eles TEA, que a Comandancia da Garda Civil de Ourense organiza dentro da semana de actos conmemorativos con motivo da súa patroa, a Virxe do Pilar.

XUNTANZA DE CLÁSICOS NO IRIXO

Nesta presentación, o subdelegado do Goberno, Eladio Santos, destacou a aposta desta iniciativa por fomentar o deporte, a convivencia e o apoio a esta asociación, polo que animou a todos os ourensáns a participar “nunha carreira festiva e lúdica, feita con moita ilusión”.

Pola súa banda, o tenente coronel da Comandancia da Garda Civil de Ourense, Rafael Berguillo, agradeceu o respaldo da Subdelegación, a Deputación Provincial e o Concello de Ourense a esta proba; e resaltou o gran traballo e dedicación na mesma do capitán da Garda Civil de Tráfico, Javier Barja.

Así mesmo, explicou que a cita terá lugar este domingo 6 de outubro e consta de tres probas, que percorrerán o centro da cidade. A primeira delas comeza ás 11 da mañá, cun percorrido de 100 metros dende a rúa Lamas Carvajal para os cativos de ata 6 anos. Ás11:15 horas, será a quenda dos nenos e nenas de entre 7 e 12 anos, cunha carreira de 700 metros dende a praza Maior. E, por último, tamén dende esta praza, ás 11:30 comezará a proba absoluta.

Esta actividade complementarase cunha exhibición dos medios cos que conta a Comandancia de Ourense, que estará sita na praza Bispo Cesáreo, de 9:30 a 14 horas. Nela participarán 30 efectivos pertencentes ao servizo aéreo, unidade de seguridade cidadá, protección á natureza, desactivación e localización de explosivos, rescate en montaña, actividades subacuáticas (provistos cunha embarcación de rescate), axentes caninos, drons e cabalería.

Por último, a vicepresidenta da Asociación Por Eles TEA Ourense, María Dolores Losada, mostrouse moi agradecida en nome dos nenos e pais que a integran. “Seguro que é a primeira de moitas, vendo a entrega, ilusión, agarimo e esforzo que están empregando”, destacou.

Ademais, quixo facer fincapé na importancia de iniciativas coma esta para axudar na visibilidade deste colectivo. “É un xeito de facernos presente de novo ante os veciños de Ourense para lembrarlles que o autismo é unha realidade que está presente, que temos que coñecer, poñer en valor e incluír. E a inclusión é un camiño que non é doado, polo que queremos agradecer a estes compañeiros de viaxe, sumando esforzos para lograr que ese futuro que soñamos para os nosos fillos e fillas se faga realidade”, rematou.

Á presentación da carreira tamén asistiron os comandantes José Benito Fernández Santamarina e Rodrigo García de la Rosa; o capitán da Garda Civil de Tráfico, Javier Barja; e a presidenta da Asociación Por Eles TEA Ourense, Eva Guzmán.