O grupo socialista pide a devolución do proxecto de lei de universidade privada xa que “solapa a súa oferta” coa da sug e “pode pór en risco” ás universidades públicas galegas

Noa Díaz solicita á Xunta que “priorice as tres universidades públicas” para as que urxe incrementar o financiamento para o período 2022-2026, xa que o actual é “insuficiente a todas luces”

Publicidade

A voceira de Universidades do Grupo Socialista, Noa Díaz, vén de solicitar a devolución do proxecto de lei de recoñecemento da universidade privada “Universidad Intercontinental de la Empresa”, xa que o proxecto “solapa a súa oferta” coa da SUG e “pode pór en risco” as universidades públicas galegas. Fíxoo, hoxe, no Pleno do Parlamento, logo de presentar unha emenda á totalidade sobre o citado proxecto de lei que foi rexeitada polo PP.

“Non queda acreditada a necesidade dunha lei que recoñeza a primeira universidade privada de Galicia toda vez que as tres universidades públicas que conforman o SUG cobren xa a demanda dos estudos de ensino superior no noso país con estándares de calidade debidamente avaliados e certificados”, reivindicou a responsable socialista.

Tanto é así, sinalou, que as prazas de inicio de estudos ofertadas superaron en 1.000 o número de estudantes que aprobaron as probas da ABAU.

Así, logo de que a Consellaría leve anos argumentando que as prazas son suficientes, censurou Díaz, “agora resulta que lles parece unha boa idea unha nova universidade que incrementaría esas prazas que ata agora non eran necesarias e en estudos que xa existen” cando ademais “as universidades do SUG levan tempo reclamando a posibilidade de incrementar as prazas nalgúns dos seus títulos máis demandados sen que esta solicitude sexa aceptada”.

Á vista desta cuestión, Díaz pediu ao goberno galego que “priorice as tres universidades públicas”, xa que contan cun sistema público de “excelencia acreditada”, cun profesorado avalado “baixo os máximos estándares de calidade” e cunha investigación “punteira no conxunto do Estado en moitísimos ámbitos, tal e como queda recollido nos numerosas clasificacións que se elaboran cada ano”. Malia isto, criticou, as tres universidades contan cun plan de financiamento “insuficiente a todas luces”, cuxa responsabilidade recae sobre o goberno galego.

UN PROXECTO DE LEI CON “INDEFINICIÓNS E VAGUIDADES”

Ao fío disto, a responsable socialista incidiu en que o proxecto de lei “non cumpre con moitos dos requisitos xerais esixidos do decreto” polo que se regulan as ensinanzas universitarias oficiais. Así, lamentou as “indefinicións e vaguidades” do proxecto, no que se aprecia “certa lasitude”, ademais dunha “inexistencia de mención algunha ao uso da lingua galega ou ao cumprimento da igualdade entre homes e mulleres”, tal e como establece a legalidade vixente.

Ademais, Díaz censurou que, na memoria xustificativa, se aduce que a nova universidade será beneficiosa para Galicia “polo seu impacto económico”, xa que supón un “aforro do gasto público en educación, sobre todo en posgrao”. “Descoñecemos se a Xunta dá por boa esta afirmación”, pero se é así, incidiu, isto “suporía, en efecto, o inicio do desmantelamento da educación superior pública en Galicia”.

De feito, sinalou, “a realidade é que durante a crise e anos posteriores, os gobernos do PP rebaixaron o gasto en educación, que aínda non se recuperou”, polo que “non parece de recibo aprobar unha universidade privada cando o goberno da Xunta desatende as súas obrigas coa universidade pública e coa mocidade galega”.

“PRIORICEMOS O SISTEMA UNIVERSITARIO PÚBLICO GALEGO”

Fronte ao proxecto de lei de universidade privada, a voceira socialista urxiu ao goberno galego a que incremente o financiamento para as universidades públicas galegas para o período 2022-2026 e que favoreza contratos estables de docentes e persoal investigador e de administración e servizos para “rexuvenecer” un cadro de persoal envellecido.

Nesta liña, instou á Xunta a mellorar as posibilidades e condicións de contratación e estabilización do persoal investigador, a incrementar as bolsas, así como a atender “as sucesivas demandas infraestruturas” que a universidade pública solicita.

“FALLA DE TRANSPARENCIA” E “OPACIDADE”

Finalmente, Díaz criticou a “maneira de proceder” para a tramitación deste proxecto lei, xa que “dende o principio padeceu dunha absoluta falla de transparencia” e “opacidade”, a cal “mesmo foi denunciado polas tres universidades galegas”. Así, lamentou que os informes emitidos pola Secretaría Xeral de Universidades “semellan máis panfletos publicitarios ou folletos de patrocinio que informes neutrais e obxectivos”, o cal é “un auténtico despropósito”, concluíu.