O 25º Salón Internacional de Turismo Gastronómico (Xantar) celebrarase no recinto ferial de Expourense do 24 ao 27 deste mes de outubro, converténdose no epicentro do turismo enogastronómico peninsular e reunindo a 90 expositores, ademais de 63 adegas con cinco países representados (España, Portugal, Perú, Costa Rica e Australia). O salón porá a disposición dos visitantes catro restaurantes, unha zona de tapas, dúas aulas gastronómicas, unha aula de catas comentadas e un espazo de degustación e promoción das festas gastronómicas de Galicia. Asemade, contará cun túnel do viño, de acceso profesional, que presentará un total de 113 referencias das cinco Denominacións de Orixe galegas (O Ribeiro, Monterrei, Valdeorras, Ribeira Sacra e Rías Baixas) e da IXP Val do Miño.
Esta 25ª edición foi presentada esta mañá en Expourense, nunha rolda de prensa que contou coa participación do delegado territorial da Xunta de Galicia en Ourense, Manuel Pardo; o director da Axencia Galega de Calidade Alimentaria (AGACAL), Marín Alemparte; a directora de Promoción da Axencia de Turismo de Galicia, Carmen Pita; o deputado de Turismo e Representación Institucional da Deputación de Ourense e presidente do INORDE, Rosendo Fernández; o xerente do restaurante Bágoa de Ourense, Martín Fernández, e o director de Xantar e xerente de Expourense, Rogelio Martínez.
A nova edición de Xantar chega con importantes novidades co obxectivo de animar á participación dos profesionais da hostalería de Galicia, convocando para elo o 1º Campionato de Tortilla de Patacas de Galicia, cuxos gañadores participarán no Campionato de España de 2025. Nesta mesma liña, o salón acolle tamén o 1º Campionato Mellor Burger de Galicia, nas categorías profesional e amadora.
Por outra banda, Xantar volverá a poñer en marcha distintas accións para atraer o meirande número de visitas e para animar ao público de proximidade á participar na feria. A entrada ao salón seguirá sendo gratuíta, e tamén o será, ata completar aforo, a participación en calquera das 140 actividades que ofrece o programa desta edición, e que inclúen obradoiros de cociña en directo, catas comentadas de produtos como viño, queixo, mel ou conservas, o a presentación, con degustación, dunha vintena de festas gastronómicas de Galicia.
– PROGRAMA DE ACTIVIDADES: https://xantar.org/showcookings-en-directo
– MENÚS: https://xantar.org/menus-xantar-2024
– ANIMACIÓN E LECER: https://xantar.org/animacion