O director xeral de Cultura participou na entrega do I Premio Podcast sobre a memoria oral da comarca ourensá a Sofía Míguez, estudante de secundaria do instituto da zona
- O representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude destaca a “programación próxima” do centro da Xunta “procurando a participación da veciñanza”
- Encadra estas accións coa estratexia da pioneira Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia de achegar a actividade cultural a todo o territorio da Comunidade
- Gaba a implicación das novas xeracións que consideran as tradicións “como un compromiso co legado dos seus devanceiros e un tesouro vivo que deben conservar”
Ribadavia (Ourense), 30 de setembro de 2026.- O director xeral de Cultura, Anxo M. Lorenzo, salientou hoxe a contribución do Museo Etnolóxico de Ribadavia a “recuperar e preservar o patrimonio inmaterial da comarca”. Fíxoo na entrega do primeiro Premio Podcast sobre a memoria oral do Ribeiro, no que colabora a Secretaría Xeral da Lingua e este centro museístico da Xunta, e que foi parar a Sofía Míguez, alumna de secundaria do instituto O Ribeiro.
Precisamente, na súa intervención, o representante da Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude gabou a implicación das novas xeracións co patrimonio “máis de seu” e que atribuíu a que “valoran as tradicións como un compromiso co legado dos seus devanceiros e un tesouro vivo que deben conservar para as xeracións vindeiras”. Nese senso, considerou “claro exemplo desta actitude” o alumnado do instituto O Ribeiro, “que presentou, ademais da gañadora, uns traballos que dan conta da alta consideración de cara ás súas tradicións, costumes e lendas, ao tempo que o interese por preservalas hoxe e no futuro”.
Nesta mesma liña, Anxo M. Lorenzo incidiu no papel que desempeña o Museo Etnolóxico de Ribadavia cunha “programación próxima” coa que procura a “participación da veciñanza, tanto como creadora como receptora culturais, en liña da pioneira Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia” que, tal e como lembrou, procura facer partícipe da programación e acción cultural a toda cidadanía, sen estar condicionada polo territorio onde vivan.
I Premio de Podcast
A Secretaría Xeral da Lingua e o Museo Etnolóxico de Ribadavia colaboran coa primeira edición deste Premio de Podcast, dirixido a recuperar a memoria oral do Ribeiro a través de contidos audiovisuais que poñan en valor as lendas, tradicións, costumes e historias populares transmitidas de xeración en xeración.



OS MELLORES ESTABLECEMENTOS
O concurso, impulsado pola Asociación de Amigos do Museo Etnolóxico de Ribadavia, foi dirixido fundamentalmente ás nova xeracións, estudantes de ensino básico e medio, pero aberto tamén as achegas de calquera persoa, de forma individual ou en equipo, interesadas en participar.
















