Espazo Común propón a mellora de recursos no eido educativo e un debate sobre a situación sanitaria

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

O grupo municipal de Espazo Común do Carballiño  presentou dúas mocións para o seu tratamento pola Corporación, que se reunirá este vindeiro xoves en sesión plenaria. Nunha delas solicítase a acometida dun plan de mellora do edificio e do pavillón deportivo do colexio da Uceira; a elaboración de listas de contratación para o profesorado do Conservatorio; unha nova convocatoria de axudas para libros de texto e a ampliación do servizo de conciliación. Ao respecto das axudas ao estudantado, o grupo de Espazo Común comenta que “no curso pasado só se adxudicaron 4.500 euros dos 45.000 orzamentados, por culpa, en gran medida, dunhas bases infumables“, e advirten que, “neste curso, vóltase a anunciar unha partida de 40.000 € para apoio ás familias nos gastos escolares de principio de curso coas mesmas bases“.

---------------------------------------------------------------------------------------------------------

 Na segunda moción, Espazo Común alerta da precaria situación dos servizos sanitarios públicos no Carballiño e, en consecuencia, consideran necesaria a convocatoria do Consello Municipal de Saúde a fin de establecer un debate sobre esta cuestión e buscar solucións. Dende esta formación política apuntan que deste órgano municipal “forman parte profesionais sanitarios, colectivos veciñais e outras asociacións, e cremos que a súa reactivación pode supor un necesario novo enfoque para toda a problemática sanitaria que ameaza con deixar ó Carballiño nunha terrible posición“.

As concelleiras e concelleiros de Espazo Común lembran que “as familias deste pobo teñen que ver como para o coidado da saúde dos seus fillos teñen que xogar á lotaría dos cupos, e dependendo de en cal dos dous existentes lles toque, os tempos para pedir cita varían ata nunha semana“, e ese malestar fíxose patente nas protestas na rúa promovidas pola Plataforma para a defensa da sandidade pública do Carballiño.

PUBLICIDADE---------------------------------------------------------------------------------------------------