“Estamos aquí porque o goberno municipal non ten un orzamento, o periodo medio de pago é de 160 días, debémos máis de 20 millóns en facturas a persoas, máis de 30 millóns de euros ás concesionarias e temos gravísimos problemas en materia de persoal”, explicou a edil María Fernández no pleno extraordinario
“Hoxe acaban de apuntalar a Gonzalo Pérez Jácome na cadeira da Alcaldía ata final de mandato, usando como moeda de cambio falsas promesas e levando por diante aos empregados públicos”, advertiu a portavoz do PSdeG, Natalia González
Ourense, 6 de novembro de 2024. “Hoxe estamos aquí porque o goberno municipal non ten un orzamento, o periodo medio de pago é de 160 días, debémos máis de 20 millóns en facturas a persoas desta cidade, debemos máis de 30 millóns de euros ás concesionarias por estar en precario, temos gravísimos problemas en materia de persoal. Esas son as razóns de que teñan que habilitar modificacións de crédito”, comezou expoñendo a edil do PSdeG no Concello de Ourense María Fernández durante o pleno extraordinario que tivo lugar esta mañá.
“E, en segundo lugar, estamos aquí porque o 30 de setembro a oposición e o PP dixeron ao executivo local que xa estaba ben. Que non serve botar a culpa aos demais, e buscar responsabilidades nos demais, porque traer estas modificacións é única e exclusivamente responsabilidade dunha nefasta xestión por parte do goberno municipal”, puntualizou na súa quenda de intervención sinalando que se o alcalde, Gonzalo Pérez Jácome, e o seu equipo realizaran o traballo que lles corresponde non serían precisas tantas modificacións de crédito.
Neste senso, subliñou que os cartos que se habilitaron non supoñen un investimento, senón que se aprobaron, na súa maioría, para facer fronte a débedas contraídas. “Hai 250.000 euros para a limpeza dos centros escolares que non son para o mantemento de infraestruturas educativas, senón porque o contrato está en precario. En Xuventude non hai nada de xuventude porque o convenio con Amencer é de anualidades anteriores, son cartos que lle deben dende outros anos a esta asociación”, exemplificou sobre algún dos expedientes respaldados na sesión plenaria coa abstención do grupo do PP.
“Hoxe acaban de apuntalar a Gonzalo Pérez Jácome na cadeira da Alcaldía ata final de mandato, usando como moeda de cambio falsas promesas e levando por diante ás e aos empregados públicos. O rexedor, en moitas cousas, non é o culpable. O PP fai moito tempo que é a marca branca de Democracia Orensana. E o máximo responsable da situación de catarse que vive este Concello”, advertiu a voceira do PSdeG, Natalia González, ante o resto da Corporación. “Pódenlle dar as voltas que queiran, son o gran meme da política desta cidade e é unha mágoa porque deberían ser unha forza importante para virar o rumbo”, incidiu a portavoz dirixíndose aos concelleiros e concelleiras populares.
Rematou lamentando que o Partido Popular estea a poñer os intereses políticos por riba dos da cidadanía. “A nós si que nos gustaría cambiar o rumbo de Ourense. O PP hipotecou esta cidade”, finalizou contundente preguntando aos e ás edís populares se poderán saír á rúa e mirar á cara aos e ás empregadas municipais.