6, novembro, 2024. O grupo municipal do Partido Popular no Concello de Ourense absterase nas oito modificacións de crédito que o goberno de Democracia Ourensana presentará no pleno extraordinario previsto para esta mañá, como resultado do compromiso do alcalde para a publicación no Boletín Oficial do Estado (BOE) do Plan de Estabilización de emprego temporal, tal e como xa está publicado no Boletín Oficial da Provincia (BOP).
O posicionamento dos concelleiros populares no pleno de hoxe é absolutamente coherente coa postura mantida ata hoxe polo PP, que sempre negouse a admitir as pretendidas modificacións do rexedor no citado Plan de Estabilización, mantendo que non habería apoio algún a calquera modificación de crédito mentres non se respectasen os dereitos dos traballadores.
En todo momento a pretensión do Partido Popular foi evitar calquera prexuízo aos empregados municipais, cumprindo co compromiso adquirido polos populares: garantir o mantemento das condicións iniciais de estabilización, nos termos que os representantes dos traballadores reivindicaban.
A mesma coherencia no posicionamento do PP reflíctese en que, en todo momento, advertiu ao goberno de Democracia Ourensana e aos partidos da oposición que o Partido Popular nunca sería un obstáculo para os intereses de Ourense e da súa cidadanía.
Cuestións referidas a educación, participación cidadá, Protección Civil, Policía Local, infraestruturas, medio ambiente, asociacións veciñais, axudas aos clubs deportivos, pero non os festexos, son o suficientemente importantes para esta cidade e os seus habitantes como para desbloquear a súa tramitación.
O Partido Popular lamenta que mentres os nosos representantes traballan baixo premisas claras e definidas, o resto dos partidos da oposición dediquen o seu tempo á única procura do poder, sexa mediante unha farsa de moción de censura no Concello ou o intento de desaloxar ao Goberno popular na Deputación de Ourense.
Ante este “xogo de tronos” por parte dos partidos socialista e nacionalista, o Partido Popular de Ourense comprométese a seguir apoiando as cuestións que sexan de absoluta necesidade e importancia para cidadanía que resida tanto na capital como no resto da provincia.